O PSOE de Lugo non participará na homenaxe a Alexandre Bóveda por "cinismo coa memoria democrática"

LugoXa
Os socialistas cuestionan que o Concello organice o acto no Vello Cárcere dous meses despois de non ceder o edificio para a visita do secretario de Estado de Memoria Democrática
Ana-González-PSOE-Lugo
17 Aug 2026

O Grupo Municipal Socialista de Lugo non participará este luns no acto institucional de homenaxe a Alexandre Bóveda que se celebrará no Vello Cárcere con motivo do 90 aniversario do seu asasinato. Os socialistas consideran que existe unha contradición entre esta convocatoria e a actuación do Goberno de Elena Candia hai apenas dous meses, cando o Concello non cedeu as instalacións para a visita do secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez.

A voceira adxunta do PSOE, Ana González Abelleira, asegurou que o seu grupo mantén o seu «respecto e recoñecemento» pola figura de Bóveda, polo seu compromiso con Galicia e coa defensa das liberdades, así como por todas as persoas perseguidas e represaliadas pola ditadura. Precisamente por iso, explicou que os socialistas decidiron non participar nun acto que, ao seu xuízo, pretende proxectar unha sensibilidade coa memoria democrática que non se corresponde coas actuacións do Goberno local.

González Abelleira lembrou que o 19 de xuño Fernando Martínez se desprazou a Lugo, acompañado polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e pola subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia Rodríguez, para presentar o inicio do procedemento para declarar o Vello Cárcere Lugar de Memoria Democrática.

Segundo o PSOE, naquela ocasión o Goberno municipal non permitiu utilizar o edificio para a comparecencia institucional, polo que o acto tivo que realizarse diante das portas do antigo cárcere. Para os socialistas, esta decisión contrasta coa convocatoria deste 17 de agosto, que utilizará precisamente o interior do inmoble para recordar a Bóveda e ás persoas represaliadas pola ditadura.

«Non se poden pechar as portas do Vello Cárcere á Memoria Democrática en xuño e abrilas en agosto para facerse unha fotografía», afirmou González Abelleira, que acusou ao Goberno de Candia de actuar con «cinismo» e reclamou coherencia na defensa da memoria das vítimas.

A socialista insistiu en que o PSOE non cuestiona a homenaxe a Alexandre Bóveda nin o recoñecemento ás persoas que sufriron a represión franquista. Pola contra, sinalou que a decisión de non asistir responde precisamente ao respecto por esa memoria e á consideración de que non debe utilizarse como «escenografía» política.

O Grupo Municipal Socialista tamén lembrou que a homenaxe a Alexandre Bóveda e ás vítimas da represión franquista non é unha iniciativa creada polo actual Goberno municipal, senón unha conmemoración que o Concello de Lugo vén realizando desde hai anos.

Para González Abelleira, o Vello Cárcere ten ademais un significado especial neste contexto. O procedemento iniciado polo Goberno de España recoñece o seu valor histórico e memorial e o seu papel como espazo de represión durante a ditadura franquista en Galicia. Tras a incoación do expediente, o inmoble quedou inscrito provisionalmente no Inventario de Lugares de Memoria Democrática.

«Alexandre Bóveda e todas as persoas perseguidas, encarceradas ou asasinadas por defender a liberdade e a democracia merecen memoria, dignidade e coherencia», concluíu a voceira socialista, que considera que esa coherencia debe manterse tanto na homenaxe deste 17 de agosto como cando as institucións acoden a Lugo para recoñecer oficialmente o valor memorial do antigo cárcere.

0.13506078720093