O BNG levará ao Parlamento a situación da residencia pública San Antonio de Padua de Lugo

GaliciaXa | LugoXa
A formación denuncia a falta de persoal e deficiencias na atención ás persoas usuarias e reclama á Xunta que esixa á concesionaria reforzar o cadro de traballadores
OlallaRodil
14 Jul 2026

O BNG anunciou que presentará unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para denunciar a situación da residencia pública San Antonio de Padua de Lugo, tras recibir, segundo asegura a formación, novas queixas de traballadores, traballadoras e familiares sobre a falta de persoal e as dificultades para garantir unha atención axeitada ás persoas residentes.

A deputada do BNG Olalla Rodil lembrou que o centro foi construído pola Fundación Amancio Ortega e posteriormente entregado á Xunta de Galicia, titular das instalacións. Ao seu xuízo, o Goberno galego optou por privatizar a súa xestión ao adxudicala á Fundación Fesán, unha decisión que, segundo afirma, está a repercutir na calidade do servizo.

Entre as principais carencias sinaladas pola parlamentaria figura a insuficiencia de persoal de enfermaría. Segundo explicou, a residencia conta unicamente con dúas enfermeiras, unha na quenda de mañá e outra na de tarde, unha dotación que considera insuficiente para un centro con capacidade para 120 residentes. Ademais, denunciou que unha baixa neste servizo está a ser cuberta por unha persoa xerocultora, que non dispón da cualificación sanitaria necesaria para desempeñar esas funcións.

Rodil tamén advertiu de que a praza de fisioterapia continúa vacante, unha circunstancia que, segundo sostén, repercute especialmente na atención das persoas con maior grao de dependencia.

Desde o BNG consideran que estas deficiencias responden a un modelo de xestión no que se prioriza a redución de custos fronte á calidade asistencial. Así mesmo, trasladan o malestar expresado por parte do persoal do centro, que denuncia presión laboral e falta de recursos humanos para desenvolver o seu traballo en condicións adecuadas.

Por todo iso, o grupo nacionalista reclamará explicacións á Xunta e demandará actuacións inmediatas para que, como administración titular da residencia, supervise a xestión da empresa concesionaria e lle esixa a contratación do persoal necesario para garantir unha atención pública e de calidade.

Esta non é a primeira vez que o BNG leva ao Parlamento a situación da residencia San Antonio de Padua. En novembro de 2024, a deputada Olalla Rodil xa reclamara á Xunta de Galicia que obrigase á empresa concesionaria, a Fundación Fesán, a reforzar o cadro de persoal para garantir a máxima calidade asistencial en todas as quendas, especialmente na nocturna. Naquela ocasión tamén solicitara a reforma da normativa que regula as ratios de persoal nos centros residenciais, ao considerar que a orde vixente, aprobada en 1996, "non se axusta á realidade actual". A iniciativa partira tras as queixas trasladadas por familiares das persoas residentes, que denunciaban que na quenda de noite só había dúas persoas traballadoras para atender a 85 usuarios, dos que 60 eran grandes dependentes.

0.12661004066467