O BNG pide a limpeza e restauración das placas literarias da Praza Maior e Bispo Aguirre

LugoXa
Maite Ferreiro reclama unha actuación urxente para recuperar estes elementos culturais tras os actos vandálicos rexistrados nas últimas semanas
Restauración-Citas-Literarias-Concello-de-Lugo
4 Aug 2026

A concelleira do BNG en Lugo, Maite Ferreiro, instou ao Concello a acometer unha actuación urxente para limpar e restaurar as placas literarias situadas na Praza Maior e na rúa Bispo Aguirre. A nacionalista considera necesario recuperar estes elementos de homenaxe a destacadas figuras da literatura galega, especialmente despois de que a placa dedicada a Ramón María de Valle-Inclán permaneza vandalizada con pintadas desde hai varias semanas.

Ferreiro defendeu que a conservación destas pezas forma parte do coidado da imaxe da cidade, ao tratarse de elementos situados nunha das zonas máis transitadas e visitadas de Lugo. Neste sentido, sinalou que unha intervención deste tipo suporía un investimento reducido para as arcas municipais e permitiría mellorar a estética do centro urbano ao tempo que se poñen en valor referentes fundamentais da cultura galega.

A edil do BNG destacou que estas placas teñen un importante valor simbólico e identitario, ao lembrar a figuras que contribuíron de maneira decisiva á historia literaria e cultural de Galicia. Por iso, considera necesario garantir o seu mantemento e conservación en boas condicións.

O conxunto está formado por nove placas instaladas sobre sete soportes de granito na Praza Maior e na rúa Bispo Aguirre. As homenaxes están dedicadas a Manuel María, Castelao, Rosalía de Castro, Ramón María de Valle-Inclán, Eduardo Pondal, Ramón Otero Pedrayo, Uxío Novoneyra, Álvaro Cunqueiro e Manuel Curros Enríquez.

0.088237047195435