O BNG pide á Xunta información sobre o aparcadoiro de Fontiñas e reclama alternativas tras máis de tres anos de parálise

O BNG solicitará información á Xunta de Galicia para coñecer os pasos dados no proxecto dun novo espazo de estacionamento en Fontiñas, en Lugo, unha actuación que, segundo denuncia a formación nacionalista, permanece sen avances efectivos máis de tres anos despois do seu anuncio. O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, reclamou ao Goberno galego que “supere dunha vez a parálise” e evidencie un compromiso real coa mellora da mobilidade na cidade.
Arroxo lembrou que o proxecto foi anunciado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sen que desde entón se producisen avances relevantes, o que interpreta como unha falta de compromiso coa veciñanza de Fontiñas. O BNG tamén cuestiona a planificación da actuación, ao considerar pouco axeitado destinar arredor dun millón de euros a un aparcadoiro nunha zona onde xa existe dispoñibilidade de prazas.
Fronte a esta proposta, o BNG defende unha alternativa que xa presentou mediante emenda aos orzamentos autonómicos, consistente na creación de máis de 100 novas prazas de estacionamento no cruce da rúa Primavera co Carril das Hortas e o Carril das Flores. Segundo Arroxo, esta opción permitiría dar resposta real á demanda existente e mellorar a calidade de vida da veciñanza cun uso máis eficiente dos recursos públicos.
A formación nacionalista propón situar este aparcadoiro na contorna da unión entre a rúa Primavera, o Carril das Hortas e o Carril das Flores, un espazo que actualmente se emprega como estacionamento desordenado e que, segundo defenden, podería reordenarse e integrarse na renovación xa en marcha do Carril das Flores. O proxecto permitiría, ademais, crear unha infraestrutura de dúas alturas aproveitando o desnivel do terreo, o que posibilitaría achegar preto dun cento de prazas nunha superficie de arredor de 3.000 metros cadrados.
O BNG sinala tamén que a actuación podería executarse mediante a declaración de interese autonómico, ao igual que outras intervencións similares promovidas pola Xunta, e insiste en que o Goberno galego conta cos instrumentos legais necesarios para levala a cabo se existe vontade política.