O BNG pide acelerar a reparación das fochancas que seguen sen arranxar en varias rúas de Lugo

LugoXa
Maite Ferreiro reclama ao Goberno local unha resposta máis rápida ante os socavóns que levan semanas sinalizados con medidas provisionais
fochancas-San-Roque-Ronda-da-Muralla-Lugo
9 Sep 2026

Varios socavóns e fochancas que apareceron nos últimos meses en diferentes vías urbanas de Lugo continúan sen ser reparados, unha situación que o BNG considera necesario resolver con maior rapidez para evitar riscos e molestias á veciñanza.

O grupo municipal nacionalista presentou un rogo no Concello para reclamar ao Goberno local que axilice as actuacións de mantemento da rede viaria e dea resposta ás avarías que permanecen pendentes. Segundo sinala a formación, nalgúns puntos mantense desde hai semanas unha sinalización provisional para advertir do perigo.

Entre os casos sinalados polo BNG atópanse un socavón situado na Avenida da Coruña, á altura do número 224, e outro na rúa San Roque, na zona de confluencia coa Ronda da Muralla. "Dous espazos que levan semanas cunha sinalización e tapados con planchas, o que supón un problema para a veciñanza", explicou a edil Maite Ferreiro.

A formación considera que o mantemento das vías debe permitir actuar con maior axilidade cando aparecen danos no firme, tanto para garantir a seguridade das persoas usuarias como para evitar que as deficiencias se prolonguen no tempo.

Ferreiro defendeu ademais o traballo desenvolvido polo BNG durante os últimos anos para reforzar o servizo público encargado do mantemento urbano. Nese sentido, asegurou que o obxectivo foi "axilizar o máximo posible todas as reparacións urbanas" e reclamou que esta capacidade de resposta se manteña tamén ante as incidencias que se producen actualmente.

0.16198492050171