O BNG pide explicacións sobre a planificación municipal na prevención de incendios forestais

LugoXa
Alexandre Penas cuestionará ao goberno local sobre os traballos da brigada municipal e reclama maior planificación nesta materia
zonas-verdes-Lugo-Alfonso-X-rotonda-bng
1 Jul 2026

O concelleiro do BNG no Concello de Lugo, Alexandre Penas, preguntará ao goberno municipal sobre a planificación prevista para a loita contra os incendios forestais, unha cuestión que, segundo indicou, está a xerar inquietude entre a veciñanza ante a chegada dos meses con maior risco.

Penas sinalou que Lugo xa se atopa no mes de xullo e vén de atravesar un dos primeiros períodos de altas temperaturas do verán, unha situación que incrementa a preocupación arredor das medidas preventivas fronte aos incendios. Segundo explicou, a cidadanía trasladou dúbidas sobre a organización e os traballos previstos pola brigada municipal encargada da defensa contra os lumes forestais.

O Concello de Lugo recibe durante este ano 2026 unha achega da Xunta de Galiza por importe de 101.250 euros destinada á contratación do persoal dunha brigada de prevención e defensa contra incendios forestais. Este equipo desenvolve cada verán actuacións de acondicionamento e limpeza en distintos espazos distribuídos entre as 54 parroquias do municipio.

Segundo expuxo o representante nacionalista, de cara ao presente exercicio o goberno local do PP, apoiado pola concelleira tránsfuga, non deu a coñecer nin o plan de actuacións nin as datas nas que a brigada realizará os seus traballos.

Alexandre Penas mostrouse crítico coa xestión do actual executivo municipal e asegurou que os primeiros meses do Partido Popular no goberno local están a supoñer, ao seu xuízo, un empeoramento do funcionamento do Concello. O concelleiro afirmou que a principal liña política de Paula Alvarellos Candia está baseada na improvisación, unha situación que, segundo sostén, provoca que a veciñanza vexa reducidos servizos que considera fundamentais.

Ademais, incidiu na importancia de actuar con previsión nesta materia e lembrou que a prevención e a loita contra os incendios forestais requiren dunha planificación adecuada e dunha execución eficaz para minimizar riscos e protexer o territorio.

0.12576007843018