O BNG pregunta polo proxecto de transformación da unión entre Río Eo e Otero Pedrayo en Lugo

O portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que a formación preguntará ao goberno municipal polo estado do proxecto elaborado para transformar a unión das rúas Río Eo e Otero Pedrayo.
Arroxo lembrou que, durante a etapa do BNG no goberno da cidade, se mantiveron diversas xuntanzas coas veciñas e veciños da zona para abordar a reordenación do espazo urbano. Estes encontros, segundo indicou, concluíron coa presentación dun proxecto que tiña como obxectivo crear un novo espazo de convivencia e mellorar a calidade de vida, fomentando ao mesmo tempo a participación cidadá na definición dos espazos públicos.
O portavoz nacionalista explicou que a proposta, impulsada desde a Tenencia de Alcaldía, contemplaba a creación dunha nova plataforma única con preferencia peonil, a incorporación de novas prazas de estacionamento e unha zona de xogos infantís. Ademais, o deseño prevía unha organización do espazo en bancais con presenza de árbores.
Arroxo sinalou que, antes da moción de censura, o proxecto quedara xa elaborado e listo para ser enviado a Contratación. Neste sentido, avanzou que o BNG preguntará na vindeira comisión polo grao de execución da iniciativa co obxectivo de garantir o cumprimento dos acordos acadados coa veciñanza.
O portavoz do BNG destacou Otero Pedrayo como un exemplo de participación directa da cidadanía na transformación do espazo público e reivindicou o traballo desenvolvido polo seu grupo no goberno municipal mediante encontros continuos coas veciñas e veciños para atender as súas necesidades e incorporar as súas demandas.