O BNG preguntará ao goberno polo proxecto para facer varias rotondas, que ten orzamento definido

Rubén Arroxo, portavoz do BNG no Concello de Lugo, anunciou que o BNG preguntará no pleno polo proxecto xa elaborado polo anterior goberno para "seguir a traballar na mellora do tráfico da cidade, como fixemos desde o BNG nos últimos 7 anos". O BNG rexistrou preguntas para coñecer o plan do goberno cos 8 puntos da cidade nos que o BNG proxectara seguir a substituír cruces complicados con rotondas, "aumentando tanto a seguridade peonil como a fluidez do tráfico", dixo o portavoz do BNG, qun lembrou que o concello conta cun proxecto realizado "e con partida orzamentaria reservada para poder realizar esta mellora canto antes".
Segundo Arroxo, un dos primeiros puntos nos que continuar sería o cruce de Santo Graal con Angelo Colocci, "un cruce complicado e perigoso para os peóns no que a intervención sería sinxela ao haber bastante espazo para construír unha rotonda", e engadiu "este tipo de regulación do tráfico aumenta a fluidez do tráfico, reducindo retencións especialmente en horas punta". Arroxo lembrou que "o Concello conta co proxecto xa realizado e cunha partida orzamentaria para executalo".
O conxunto de proxectos abrangue diferentes zonas da cidade. Na contorna noroeste, inclúense as interseccións da Avenida de Breogán coa rúa Orquídea e da rúa Santo Graal con Angelo Colocci. Na zona sur, recóllese o proxecto dunha rotonda na intersección da rúa Alfonso X O Sabio coa Estrada da Granxa, un punto clave de conexión coa N-VI. Ademais, a Avenida de Magoi concentra cinco destes proxectos: dous nas interseccións coa Estrada da Granxa e coa rúa Campos Novos, e tres máis na contorna do Auditorio, nas conexións coas rúas do Valiño, Bispo Ona de Echave e Madanela.
O portavoz do BNG subliñou que a execución destas infraestruturas é "fundamental para avanzar cara a unha mobilidade máis segura e eficiente", e advertiu de que "cada día de atraso supón manter situacións de risco que poderían evitarse". O BNG destaca que a mellora da seguridade viaria "debe ser unha prioridade na axenda municipal", segundo dixo Rubén Arroxo, quen afirmou que "a mellora da seguridade viaria é unha cuestión seria, non se poden tirar balóns fóra como intentou facer a alcaldesa de Lugo con este proxecto do anterior goberno".