O BNG preguntará no pleno de Lugo polo proxecto de unir os parques Rosalía e Marcos Cela

LugoXa
O portavoz lembrou que este plan "permite avanzar nun modelo de mobilidade peonil tamén no eixo leste-oeste da cidade"
pasarela-entre-Parque-Marcos-Cela-e-o-Parque-de-Rosalía-Lugo
15 Jun 2026

O BNG de Lugo preguntará no vindeiro pleno se o goberno municipal ten previsto continuar co proxecto de unión entre os parques de Rosalía e Marcos Cela. O portavoz do BNG, Rubén Arroxo explicou que "a obra está adxudicada pendente de ir á Xunta de Goberno desde o 28 de maio". O anterior goberno municipal iniciou o procedemento de licitación o pasado 29 de abril. Tras a moción de censura, o 28 de maio, a Mesa de Contratación avaliou a oferta presentada e fixo unha proposta de resolución "que aínda está pendente de ser aprobada na Xunta de Goberno, o que impide iniciar as obras".

Arroxo lembrou que esta proposta foi aprobada en pleno no ano 2018 a iniciativa do Grupo Municipal do BNG, iniciativa que contou con 24 votos a favor e 1 voto en contra e que consistía en poder unir, facendo un paso peonil, a explanada das costas do parque co entorno do parque Marcos Cela. "Xa hai bastantes anos, estas costas do parque estaban conectadas directamente co río a través de camiños tradicionais, que cando se fixo a ronda República Arxentina se perderon, e con esta pasarela tamén sería un pouco recuperar ese concepto de unir o Parque co Río de xeito peonil", explicou Arroxo.

A pasarela constará dunha estrutura curva metálica, elaborada en aceiro corten apoiada en pilares en "v". Estruturalmente é unha solución robusta, duradeira e de mantemento mínimo grazas ao comportamento dos materiais fronte á corrosión atmosférica e á simplicidade dos apoios. O trazado curvo suaviza a percepción do desnivel e mellora a integración na contorna. Arroxo sinalou que se trata dunha intervención "na que estivemos moito tempo traballando" e adiantou que "seguimos facendo seguimento para garantir que proxectos coma este, que transforman a cidade, se executen como foi proxectado".

0.1060938835144