O BNG propón que o plan de mellora de contornas escolares se amplíe ao CEIP Illa Verde

O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que o BNG presenta ao vindeiro pleno municipal unha iniciativa para que o goberno continúe co plan de mellora das contornas escolares "que iniciamos no 2019 desde o BNG calmando o tráfico nas proximidades dos centros de ensino".
Arroxo explicou que a proposta do BNG consiste en investir a partida orzamentaria adicada a obras en contornas escolares "para avanzar na humanización destes espazos", e engadiu "nos últimos meses antes da moción de censura, desde as áreas de Infraestruturas e Educación comezamos a traballar coa comunidade do CEIP Illa Verde para acometer melloras na contorna dese centro".
Deste xeito, o CEIP Illa Verde uniríase aos centros de ensino que contan "cun espazo de convivencia humanizado", dixo Arroxo. O portavoz do BNG lembrou que colexios como o Luís Pimentel, o Rosalía ou o CEIP Anexa, completado nas últimas semanas "son exemplos de que este tipo de actuacións supoñen un gran beneficio para a comunidade educativa".