O BNG proporá o cuartel de San Fernando como espazo museístico dedicado á historia galaico-romana de Galicia

LugoXa
Realiza esta proposta tras o anuncio de Xunta e Concello de trasladar os achados arqueolóxicos á Domus do Mitreo
Cuartel-San-Fernando-Museo-Romanización-Lugo
17 Oct 2026

O BNG de Lugo trasladará ao pleno municipal do mes de outubro unha proposición para defender o Cuartel de San Fernando como espazo museístico dedicado á historia galaico-romana. O BNG cualifica como "preocupante" o anuncio feito polo Concello e a Xunta de Galiza de trasladar os achados arqueolóxicos recuperados na contorna da cidade á Domus do Mitreo, "unha declaración de intencións do PP, que nunca creu na recuperación do Cuartel de San Fernando", dixo Rubén Arroxo.

A proposta do BNG reclamará á corporación un posicionamento claro para defender este espazo, destacando o seu valor como peza singular do patrimonio histórico de Lugo. O BNG critica que a veciñanza de Lugo leva 18 anos esperando pola recuperación comprometida pola Xunta, sen que até o de agora se dera un paso decisivo para a súa rehabilitación. "A Xunta ten que deixar atrás todos estes anos de incumprimentos e poñerse a traballar dunha vez na recuperación do edificio, comezando por garantir o seu peche, a súa protección e a seguridade", subliñou.

Desde o BNG sinalan que esta nova mostra do deterioro do inmoble evidencia a urxencia de "avanzar na recuperación do edificio", e engadiu "o Cuartel de San Fernando ten que deixar de ser un símbolo do abandono institucional e pasar a ser un espazo referencial para toda Galiza", apuntou Arroxo. O portavoz do BNG explicou que "cada día que pasa sen actuacións no Cuartel de San Fernando é un día máis de perda patrimonial para Lugo" e anunciou que o BNG continuará traballando ata conseguir "a rehabilitación que Lugo merece".

0.10034394264221