O BNG reclama á Xunta unha actuación urxente no paseo do río Mera

O BNG reclama á Xunta de Galiza que actúe para garantir a conservación, o mantemento e a reparación do paseo do río Mera, un espazo natural de gran valor para Lugo que presenta na actualidade numerosos elementos deteriorados, con pasarelas e estruturas de madeira danadas e tramos da senda nun deficiente estado de conservación.
A deputada do BNG no Parlamento Galego por Lugo, Montse Valcárcel, visitou este espazo acompañada do concelleiro e portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, e das concelleiras Maite Ferreiro e Cristina López, para comprobar sobre o terreo o estado no que se atopa esta senda.
Valcárcel lembrou que se trata dunha senda executada pola Xunta de Galiza arredor do ano 2009 e que conta con preto de catro quilómetros de percorrido ao carón do río Mera, nun espazo integrado na Reserva da Biosfera Terras do Miño e moi próximo ao núcleo urbano de Lugo. “Esta é unha senda que fixeron desde a Xunta alá polo 2009, de case catro quilómetros ao redor do río Mera, neste lugar tan idílico ao que veñen todos os lucenses e visitantes para gozar precisamente da natureza”, explicou a deputada nacionalista.
A parlamentaria advertiu de que o deterioro non se limita a un punto concreto, senón que afecta a diferentes tramos do percorrido. “Se seguísemos pola senda, veriamos máis tramos coma este, pois caen partes da estrutura”, sinalou Valcárcel, que puxo o foco especialmente nas estruturas de madeira instaladas ao longo do percorrido. Neste sentido, explicou que “a madeira necesita un mantemento continuo todos os anos” e lembrou que xa se realizaron actuacións de reparación con anterioridade, pero que o deterioro volveu aparecer en pouco tempo.
O BNG considera necesario que a Xunta actúe para evitar que os investimentos realizados na recuperación deste espazo queden sen efecto pola falta dun mantemento continuado. Para Montse Valcárcel, o obxectivo debe ser garantir que a senda se atope en condicións axeitadas para o seu uso por parte da cidadanía. “O que pedimos desde Lugo é que se teña en conta e que se faga este mantemento, para que a senda estea en condicións e se poida desfrutar, para que poida servir para o lecer e para estar en contacto coa natureza, nun lugar tan preto de Lugo”, concluíu.
O BNG reclama así á Xunta que non limite as actuacións a intervencións puntuais, senón que estableza un programa de conservación e mantemento que permita manter en boas condicións o conxunto do percorrido, incluídas as pasarelas, estruturas de madeira, sinalización e demais elementos da senda.
A formación nacionalista considera que o paseo do Mera constitúe un recurso natural e de lecer de especial valor para Lugo e que o seu estado actual require unha actuación que permita recuperar a senda e garantir o seu uso seguro e axeitado pola veciñanza e polas persoas visitantes.