O BNG reclama ao Goberno local que execute o proxecto de renovación da rúa Lavandeira

O concelleiro do BNG en Lugo, Alexandre Penas, reclama ao Goberno local que avance na execución do proxecto de renovación da rúa Lavandeira, unha vía que atravesa o barrio da Piringalla e que, segundo o edil, precisa unha intervención integral para mellorar a seguridade viaria, a accesibilidade e o estado do espazo público.
Penas lembra que tanto o proxecto como a partida orzamentaria destinada a esta actuación foron elaborados cando o BNG dirixía a área de Mobilidade e Infraestruturas, polo que considera que "non existe xustificación para que o PP siga sen atender á zona norte da cidade".
O proxecto, elaborado a comezos de 2026, contempla a renovación integral do tramo da rúa Lavandeira comprendido entre Santo Graal e Ángelo Colocci. A actuación inclúe diferentes intervencións nas infraestruturas e no espazo urbano, desde as canalizacións ata a sinalización.
En concreto, está prevista a renovación das canalizacións de telecomunicacións e da rede de abastecemento, que na maior parte da zona está formada por tubaxes de PVC instaladas hai anos. Tamén se renovaría a capa de rodadura da calzada, actualmente deteriorada polo paso do tempo, así como as beirarrúas, co cambio das baldosas en mal estado e a homoxeneización da imaxe da vía. O proxecto incorpora ademais a renovación da sinalización horizontal, cuxa pintura se atopa practicamente borrada.
O concelleiro do BNG pon como referencia a actuación realizada na rúa Gallego Tato, onde se sitúa o CEIP Luís Pimentel, que cualifica como "un exemplo de renovación do espazo urbano executado polo BNG". Ao seu xuízo, a intervención na Lavandeira permitiría dar continuidade a este tipo de actuacións nunha zona con elevada circulación tanto peonil como de vehículos.
Penas considera que a renovación permitiría mellorar as condicións de seguridade viaria e accesibilidade, ademais de renovar a imaxe e o estado xeral do espazo público. "É un proxecto realizado e orzamentado que só falta executar", sinala o edil, que asegura que o BNG continuará traballando para que o Goberno local leve a cabo a obra.