O BNG reclama ao Goberno que publique o estudo sobre a conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago

GaliciaXa | LugoXa
Néstor Rego pide coñecer as conclusións dos traballos e establecer un calendario concreto para avanzar nesta infraestrutura
autovia-lugo-santiago-a-54
2 Sep 2026

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou na Cámara Baixa varias iniciativas para instar ao Goberno do Estado a facer públicas as conclusións do Estudo de Viabilidade para a mellora da conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago de Compostela. A formación nacionalista reclama tamén que se concrete o calendario previsto para avanzar na materialización desta infraestrutura.

O BNG lembra que o Goberno adxudicou en marzo de 2025 o contrato para elaborar este estudo, cun prazo de execución de 18 meses. Por este motivo, Rego considera necesario coñecer o resultado dos traballos e as conclusións do Ministerio. O documento debía estudar os fluxos de viaxeiros, determinar as necesidades de mobilidade e calcular a posible demanda de novos servizos ferroviarios, así como establecer alternativas de trazado e analizar a súa viabilidade socioeconómica.

Rego defende que a conexión ferroviaria directa entre Lugo e Santiago de Compostela é "unha actuación fundamental para acabar coa discriminación histórica que sofre Lugo en materia ferroviaria" e lembra que avanzar nesta infraestrutura forma parte dos compromisos incluídos no Acordo de Investidura alcanzado polo BNG.

"O BNG conseguiu incluír no Acordo de Investidura o compromiso de avanzar nesta conexión, que debe permitir que Lugo deixe de ser a única das sete cidades galegas sen conexión ferroviaria directa coa capital do país", subliña.

O deputado nacionalista considera que "non abonda con facer estudos: cómpre que o Goberno utilice as súas conclusións para avanzar na planificación e execución da infraestrutura e estableza un calendario concreto". Por iso, reclama información sobre a situación actual do proxecto, a publicación das conclusións do estudo e a concreción dos seguintes trámites administrativos e técnicos necesarios.

Segundo Rego, unha conexión directa entre Lugo e Compostela melloraría de maneira significativa as comunicacións da cidade e da provincia coa capital galega, ao facilitar os desprazamentos laborais, educativos, administrativos e culturais. Tamén contribuiría á vertebración territorial e ofrecería unha alternativa de transporte público máis sustentable fronte ao vehículo privado.

"O tren é unha infraestrutura estratéxica para a conexión e cohesión territorial, para garantir o dereito á mobilidade e tamén para avanzar na descarbonización. Lugo non pode continuar a sufrir un déficit ferroviario que se prolonga durante décadas", afirma.

Pola súa banda, o voceiro do BNG en Lugo e candidato á Alcaldía, Rubén Arroxo, advirte de que a mellora ferroviaria da provincia non debe quedar limitada á posible conexión directa con Santiago. "É necesaria unha política ferroviaria integral para Lugo, que actúe tamén sobre as liñas existentes, mellore as frecuencias, reduza os tempos de viaxe e acometa as renovacións de infraestrutura necesarias para contar cun servizo competitivo, fiábel e adaptado ás necesidades da veciñanza", sinala.

Arroxo reclama igualmente que o Goberno outorgue prioridade a esta actuación e que, unha vez rematado o estudo de viabilidade, avance sen atrasos na elección da alternativa máis axeitada e na súa posterior execución. "Lugo precisa deixar de ser unha illa ferroviaria dentro da rede galega e o Goberno debe asumir a súa responsabilidade para corrixir esta situación", conclúe.

0.16448497772217