O BNG reclama impulsar a nova ordenanza acústica para reforzar a loita contra os problemas de convivencia

O portavoz do BNG, Rubén Arroxo, presentou o proxecto da nova ordenanza de contaminación acústica na que a formación nacionalista vén traballando desde a área de Infraestruturas durante os últimos anos. Arroxo asegurou que o documento xa está rematado e instou ao actual Goberno municipal a iniciar a súa tramitación levando a proposta ao pleno.
Segundo explicou, durante os últimos anos desenvolveuse un intenso traballo para atopar mecanismos que permitisen afrontar problemáticas como as que se producen no local de rúa Tui, que aínda non está pechado, a pesar de que a actual alcaldesa o 1 de setembro de 2025 afirmaba que existía unha “base legal sólida” para proceder ao peche inmediato.
Como resultado dese labor, que incluíu numerosas reunións técnicas e a participación da Policía Local, elaborouse unha actualización da ordenanza municipal de contaminación acústica.
Arroxo destacou que a normativa actualmente vixente é unha ordenanza antiga, procedente da década dos 90, que non responde adecuadamente ás situacións que se producen na actualidade. Neste sentido, asegurou que o novo texto incorpora ferramentas que permitirían actuar con maior eficacia fronte aos problemas derivados do ruído e das alteracións da convivencia cidadá.
Entre as novidades recollidas figura un réxime sancionador vinculado aos comportamentos que poidan afectar ao descanso da veciñanza. O artigo 39 da proposta, centrado na convivencia veciñal, establece que o comportamento nos espazos compartidos debe desenvolverse dentro dos límites do respecto e da boa convivencia cidadá, prohibindo actuacións que supoñan perturbacións evitables.
O texto contempla como infraccións cuestións como os berros ou gritos sen causa xustificada, especialmente cando impidan o descanso da veciñanza durante a noite. Tamén recolle a posibilidade de actuar fronte a outros comportamentos que alteren de forma evitable a convivencia e a conduta cívica normal, xerando molestias ou situacións de malestar.
O portavoz nacionalista explicou que estas medidas se complementan co artigo 54, que introduce cambios destinados a facilitar a intervención da Policía Local. Ademais, a ordenanza incorpora por primeira vez un réxime sancionador específico para este tipo de condutas. Segundo Arroxo, isto permitiría aos axentes actuar e sancionar cando se produzan situacións de ruído ou alteración da convivencia, sempre despois dunha advertencia previa e no caso de que os comportamentos persistan.
O portavoz concluíu sinalando que a nova ordenanza serviría para abordar os problemas de convivencia e ruído asociados a todos aqueles locais que veñen acumulando reclamacións veciñais e incidencias deste tipo.
Por este motivo, o portavoz do BNG reclamou ao novo Goberno municipal que inicie a tramitación da ordenanza no próximo pleno para que a cidade poida contar canto antes cun instrumento normativo adaptado ás necesidades actuais.
Durante a súa intervención, Arroxo tamén apuntou á existencia dun posible conflito de intereses detrás da paralización da ordenanza. Segundo afirmou, outro dos locais que xerou numerosas queixas veciñais nos últimos anos foi un local en Recatelo, cuxo propietario forma parte do actual Goberno municipal e ocupa responsabilidades executivas.
Porén, os actuais xerentes do local, que cambiou de mans e de nome, aseguran que "agora se están respectando todas as normas, os horarios e todo o necesario para promover a convivencia veciñal, xa que quen vén ao noso local, son persoas maiores que veñen bailar", aseguran.