O BNG reclama "o correcto mantemento" da exposición de Fuxan os Ventos instalada no Auditorio

O BNG reclamou ao Goberno Municipal que actúe no Auditorio Fuxan os Ventos para garantir "o correcto mantemento" da exposición ubicada nesta instalación sobre os 50 anos de historia "dunha das agrupacións máis importantes da historia de Galiza", segundo dixo o portavoz do BNG, Rubén Arroxo.
O Portavoz do BNG lembrou que esta mostra abriu no auditorio o pasado mes de marzo co obxectivo de que todas as persoas que visitasen o auditorio puidesen coñecer "as historias destes 50 anos, as vivencias de moitas persoas, pero tamén a propia historia recente do noso país". A exposición ofrece un percorrido completo pola traxectoria de Fuxan os Ventos a través de materiais documentais, obxectos e textos que permiten reconstruír a evolución artística do grupo e comprender o seu impacto cultural ao longo de cinco décadas.
Arroxo afirmou que "Fuxan os Ventos é un dos grupos musicais galegos máis importantes nas últimas décadas", e engadiu "o Concello ten que comprometerse coa nosa historia e garantir que esta mostra se poida seguir vendo antes das actividades do Auditorio".