O BNG reclama que a Xunta incremente a súa achega ao San Froilán

O BNG destaca que a Deputación de Lugo é o principal colaborador institucional do San Froilán, cunha achega total de 78.000 euros para contribuír ao financiamento das festas da cidade. Segundo sinala a formación, a contía distribúese entre 50.000 euros destinados ao orzamento xeral das celebracións e outros 28.000 euros para a organización da ExpoLugo.
Os nacionalistas poñen o foco especialmente nos 50.000 euros de colaboración co orzamento das festas, unha cantidade que, segundo indican, triplica a achega económica da Xunta de Galiza. Para o BNG, este apoio representa unha mostra do compromiso do Goberno provincial coa principal celebración festiva de Lugo.
A formación salienta, ademais, que a participación da Deputación non se limita á achega económica, senón que tamén se estende á colaboración na organización e ao impulso de actividades vinculadas á identidade do San Froilán.
Neste sentido, o BNG contrasta este papel co do Partido Popular, ao que reprocha non ter presentado un proxecto propio para as festas, fronte ao que, segundo sinala, sucedera en anos anteriores.
Para os nacionalistas, a programación debe estar orientada aos intereses da veciñanza e contar coa participación do tecido asociativo e cultural da cidade. Tamén defenden que os recursos públicos se distribúan de maneira equilibrada.
O BNG reclama, finalmente, unha maior implicación de todas as administracións públicas e considera que a Xunta de Galiza debería incrementar o seu apoio para estar á altura da relevancia que teñen as festas tanto para Lugo como para o conxunto da provincia.
PROGRAMACIÓN COMPLETA DE SAN FROILÁN