O BNG reclama que o Plan Paradai inclúa tamén a renovación da Calzada das Gándaras

O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, asegurou que a formación nacionalista continuará traballando para que o Plan Paradai incorpore tamén a renovación da Calzada das Gándaras, unha actuación que considera prioritaria por tratarse dunha vía que conecta o polígono industrial co barrio das Gándaras e que, segundo denunciou, quedou fóra da licitación das obras da rúa Serra de Meira.
Arroxo lembrou que, ao seu xuízo, "a Xunta leva 28 anos castigando a Lugo co Plan Paradai, que xa tiña que estar completado hai case tres décadas". Neste sentido, incidiu en que o BNG leva anos denunciando o abandono da cidade por parte do Partido Popular, especialmente no referente ás infraestruturas contempladas neste plan.
O portavoz nacionalista criticou que a cidade tivese que esperar case trinta anos para que se licitase a actuación na rúa Serra de Meira e advertiu de que esta intervención non resolve todas as carencias existentes. "Dúas das rúas que están en peor estado da cidade, como son Serra de Meira e a Calzada das Gándaras, dependen directamente do Plan Paradai", afirmou.
Arroxo insistiu en que o BNG continuará reclamando á Xunta que saque a licitación a renovación da Calzada das Gándaras, facendo fincapé no seu deterioro tras anos sen actuacións. "É unha actuación urxente que non pode seguir demorándose", sostivo.
Desde o BNG consideran que o Goberno galego continúa restando importancia aos investimentos en Lugo. Como exemplo, Arroxo referiuse ás declaracións da presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, á que acusou de "renegar desta importante actuación nada máis chegar a Lugo". Segundo explicou, o estado actual da vía, cun firme deteriorado e cheo de fochancas, supón un problema para a seguridade viaria e tamén prexudica a imaxe da cidade.