O BNG reclama revisar a temporalidade laboral e as bolsas de contratación en Monterroso

O Pleno do Concello de Monterroso rexeitou a proposta presentada polo BNG, a través do seu concelleiro Brais Vázquez, para revisar a política de persoal municipal e as bolsas de contratación. A iniciativa partía das advertencias recollidas na documentación de Intervención sobre a existencia de numerosas relacións laborais temporais e o risco de que determinadas situacións poidan acabar adquirindo carácter indefinido por actuacións irregulares da Administración.
A proposta contou cos votos favorables do PSOE e do concelleiro non adscrito Antonio Gato, pero foi rexeitada polos votos en contra do equipo de Goberno, integrado por Pablo Losada, concelleiro non adscrito, e Luis Mariño, concelleiro de Independentes por Monterroso. Para Brais Vázquez, a votación evidencia que o Goberno municipal optou por non apoiar unha iniciativa que, segundo explica, pretendía analizar a situación actual, actualizar a Relación de Postos de Traballo (RPT) e adoptar medidas para evitar que necesidades estruturais continúen cubríndose mediante fórmulas temporais.
O punto de partida da proposta, segundo o BNG, eran as advertencias recollidas no informe de Intervención e non unha valoración política da formación nacionalista. O documento sinala a existencia de numerosas relacións laborais de carácter temporal e advirte de que determinadas actuacións administrativas poden provocar que estas relacións rematen adquirindo carácter indefinido, incluído o risco de recoñecemento xudicial da condición de indefinido non fixo.
O propio informe tamén recolle os límites e condicións establecidos pola normativa para a utilización da contratación temporal nas administracións públicas. Neste contexto, Brais Vázquez sinala que "o cadro de persoal cambiou mentres a RPT segue sen actualizarse". A RPT municipal actualmente vixente procede de 2018, mentres que a organización e as necesidades dos servizos municipais evolucionaron desde entón.
O cadro de persoal de 2026 está formado por oito funcionarios de carreira, 34 traballadores laborais fixos e 24 traballadores laborais temporais, ata alcanzar un total de 66 persoas. A proposta do BNG reclamaba realizar unha análise para determinar que postos e funcións responden a necesidades estruturais e cales teñen unha natureza realmente temporal.
Un dos casos sinalados é o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), cuxa xestión foi asumida directamente polo Concello tras a remunicipalización do servizo en 2024, unha medida liderada polo propio BNG. Segundo a formación nacionalista, a documentación actual reflicte unha realidade de persoal neste servizo moi superior á contemplada inicialmente na RPT.
Para o BNG, as necesidades permanentes da Administración non deberían manterse durante anos mediante fórmulas temporais sen abordar previamente a organización dos postos de traballo. "Non solicitamos converter automaticamente traballadores temporais en funcionarios ou persoal laboral fixo, senón que o Concello identifique as súas necesidades estruturais, actualice a RPT e o cadro de persoal e, posteriormente, cubra as prazas mediante os procedementos establecidos legalmente", explica Brais Vázquez.
A iniciativa tamén incluía unha proposta para revisar o funcionamento das bolsas de emprego municipais. Neste punto, o concelleiro nacionalista considera necesario "revisar os seus requisitos e mellorar a trazabilidade dos chamamentos, establecer unhas normas de funcionamento e transparencia adecuadas".