O BNG reclama solucións aos fallos na rede de saneamento baixo a ponte da Avenida de Madrid

O BNG de Lugo presentou unha iniciativa para instar ao goberno municipal a corrixir as deficiencias que presenta a rede de saneamento situada baixo a ponte da Avenida de Madrid sobre o río Rato. Segundo explica a formación, a tubaxe integrada na rede municipal presenta un fallo de funcionamento que provoca que, cando se acumula a choiva, os vertidos regresen cara á súa orixe en lugar de ser canalizados correctamente.
O portavoz do BNG, Rubén Arroxo, reclamou ao Concello que poña en marcha "as medidas necesarias para acabar con esta problemática" e solicitou actuacións urxentes que garantan "un servizo de saneamento digno e eficaz para a veciñanza", mentres se estuda unha solución definitiva.
Arroxo criticou que "o PP leva anos prometendo que levará o abastecemento a todos os núcleos do rural, mais vemos como son incapaces de garantir o correcto mantemento das instalacións que xa están en funcionamento".
A formación nacionalista lembrou que xa presentou rogos por problemas similares noutras zonas, como Pías. Nesta parroquia, a maior parte das augas residuais son bombeadas ata os colectores do polígono industrial do Ceao, pero, segundo explicou Arroxo, "se hai fallos nas bombas todas as augas fecais volven cara atrás e saen no medio das vivendas".
O BNG reclama así que o goberno municipal garanta o correcto mantemento das instalacións municipais para previr novas incidencias e habilite mecanismos que permitan ofrecer respostas áxiles aos problemas trasladados pola veciñanza.