O BNG reclama un maior mantemento das zonas verdes de Lugo polo estado da rotonda de Afonso X

LugoXa
Alexandre Penas critica o deterioro do espazo axardinado e pide máis atención á conservación das áreas verdes urbanas
zonas-verdes-Lugo-Alfonso-X-rotonda
17 Jun 2026

O concelleiro do Bloque Nacionalista Galego no Concello de Lugo, Alexandre Penas, reclamou un maior coidado e mantemento das zonas verdes da cidade tras denunciar o que cualificou como unha situación de "abandono" na rotonda de Afonso X.

Segundo explicou o edil nacionalista, a infraestrutura, construída durante este ano, presenta no seu interior unha importante presenza de herba alta e vexetación sen acondicionar, unha situación que considera unha mostra do "descoido ao que o PP está sometendo os espazos verdes urbanos do municipio".

Penas manifestou ademais a súa preocupación ante a posibilidade de que a falta de conservación poida derivar nunha futura eliminación da zona axardinada. "Agardamos que isto non sexa o paso previo a facer desaparecer unha zona verde", afirmou.

Neste sentido, o representante do BNG lembrou unha actuación levada a cabo no ano 2024 pola Xunta de Galicia, cando se investiron preto de 50.000 euros na retirada do céspede natural existente na rotonda da estrada de Portomarín, situada no acceso ao barrio da Ponte, para substituílo por céspede artificial.

O concelleiro puxo tamén en valor a importancia da rotonda de Afonso X como unha actuación destinada a mellorar a circulación e a seguridade viaria na conexión entre esta vía e a Ronda de Fingoi. A infraestrutura, executada durante os primeiros meses de 2026, substituíu unha intersección regulada mediante semáforos na que coincidían vías cun volume de tráfico similar.

Segundo destacou Alexandre Penas, desde o Goberno local liderado polo BNG impulsouse unha actuación destinada á eliminación dos semáforos mediante a creación dunha rotonda axardinada, ao tempo que se redeseñaron os accesos co obxectivo de reforzar a seguridade peonil e manter a continuidade da rúa.

A NECESIDADE DE CONTINUAR O DESENVOLVEMENTO DAS ROTONDAS

Rubén Arroxo, portavoz do BNG no Concello de Lugo, afirmou que o goberno municipal "ten que seguir a traballar na mellora do tráfico da cidade, como fixemos desde o BNG nos últimos 7 anos". Arroxo puxo en valor proxectos executados, como a rotonda construída no cruce de Afonso X coa Ronda de Fingoi, "un punto no que o tráfico gañou fluidez e no que se mellorou a seguridade peonil á hora de cruzar". Arroxo destacou que o actual goberno "debe continuar con este traballo" e lembrou que o BNG proxectara 8 puntos da cidade nos que seguir mellorando cruces complicados con rotondas, aumentando tanto a seguridade peonil como a fluidez do tráfico.

Segundo Arroxo, un dos primeiros puntos nos que continuar sería o cruzamento de Santo Graal con Angelo Colocci, que definiu como "complicado e perigoso para os peóns no que a intervención sería sinxela ao haber bastante espazo para construír unha rotonda", e engadiu "este tipo de regulación do tráfico aumenta a fluidez do tráfico, reducindo retencións especialmente en horas punta". Arroxo lembrou que "o Concello conta co proxecto xa realizado e cunha partida orzamentaria para executalo".

Hai poucos días viuse un novo accidente de tráfico neste cruce, "é necesario seguir avanzando na mellora dos viais municipais para garantir a seguridade viaria", afirmou Rubén Arroxo, que engadiu "cada día de atraso supón manter situacións de risco que poderían evitarse”.

O BNG destaca que a mellora da seguridade viaria "debe ser unha prioridade na axenda municipal", segundo dixo Rubén Arroxo, quen afirmou que "a mellora da seguridade viaria é unha cuestión seria, non se poden tirar balóns fóra como intentou facer a alcaldesa de Lugo con este proxecto do anterior goberno".

0.13401007652283