O BNG reclama unha solución urxente aos problemas de saneamento na parroquia de Pías

O BNG de Lugo reclama ao goberno municipal unha solución urxente aos problemas de funcionamento da rede de saneamento na parroquia de Pías, onde o sistema de bombeo que conecta o núcleo cos colectores xerais leva varias semanas rexistrando incidencias. A formación nacionalista trasladará ao executivo local as queixas recibidas pola veciñanza, que alerta das consecuencias dos fallos nesta infraestrutura.
O portavoz do BNG, Rubén Arroxo, pediu ao Concello que adopte "as medidas necesarias para acabar con esta problemática" e que poña en marcha actuacións inmediatas para garantir un servizo de saneamento "digno e eficaz", mentres se estuda unha solución definitiva.
Arroxo explicou que a maior parte das augas residuais da parroquia son bombeadas ata os colectores do polígono industrial do Ceao, polo que os problemas no sistema provocan que as augas fecais regresen cara ás zonas habitadas. "Se hai fallos nas bombas, todas as augas fecais volven cara atrás e saen no medio das vivendas", advertiu o portavoz nacionalista.
O BNG tamén cuestiona o mantemento das infraestruturas municipais e lembra que o PP leva anos comprometéndose a estender o abastecemento a todos os núcleos rurais. "Vemos como son incapaces de garantir o correcto mantemento das instalacións que xa están en funcionamento", afirmou Arroxo.
Ante esta situación, a formación reclama ao goberno local que asegure a conservación das instalacións municipais e estableza mecanismos que permitan ofrecer respostas máis áxiles ás incidencias comunicadas pola veciñanza, co obxectivo de evitar que se repitan problemas como os rexistrados en Pías.