O BNG recolle as demandas da veciñanza de Labio e reivindica o seu compromiso co rural

A concelleira do BNG en Lugo, Cristina López, mantivo un encontro con veciñas da parroquia de Labio co obxectivo de coñecer de primeira man as necesidades e inquietudes da poboación. Durante a reunión, a edil comprometeuse a trasladar ao Concello as peticións formuladas para contribuír á súa atención e resolución.
Esta visita enmárcase na rolda de encontros que López está a desenvolver por distintas parroquias do rural lucense. A iniciativa busca identificar carencias, recoller propostas e avaliar aquelas actuacións que poden impulsarse desde as administracións para mellorar a calidade de vida da veciñanza.
A representante nacionalista puxo en valor o traballo realizado polo BNG durante a súa etapa no goberno municipal, especialmente a implantación do servizo de transporte a demanda, do que se benefician habitantes de Labio e doutras parroquias do municipio. Segundo indicou, esta iniciativa converteuse nunha das actuacións máis destacadas para facilitar a mobilidade no rural.
Cristina López tamén lembrou que, ademais do transporte a demanda, o BNG promoveu diferentes cursos e actividades destinados á poboación das parroquias, co propósito de reforzar os servizos e dinamizar o territorio.
“Para o BNG o rural de Lugo é unha prioridade e demostrouse coa posta en marcha do taxi a demanda”, sinalou a concelleira, que reafirmou o compromiso da formación nacionalista coa mellora das condicións de vida das persoas que residen nas zonas rurais do concello.