O BNG ve continuísmo no modelo do San Froilán e critica a perda do escenario da Mosqueira

LugoXa
Maite Ferreiro valora que o PP manteña unhas festas "similares" ás dos últimos anos e reclama espazo para as agrupacións culturais e musicais de Lugo
COMISIÓN-DE-FESTAS-san-froilan-2026
19 Aug 2026

A edil do BNG Maite Ferreiro valorou positivamente parte dos anuncios realizados polo Goberno local do PP durante a Comisión de Festas, aínda que advertiu da desaparición de espazos que considera importantes dentro da programación do San Froilán, entre eles o escenario da Mosqueira.

Ferreiro considera que as propostas avanzadas polo actual Executivo municipal manteñen boa parte das características das celebracións organizadas nos últimos anos. "Despois de moitos anos de críticas ao modelo de festas que levamos desde o BNG, o PP anunciou que realizará unhas festas similares ás que organizamos desde o BNG nos últimos anos", afirmou.

A concelleira defendeu o modelo desenvolvido pola formación nacionalista durante a súa etapa á fronte da área de Cultura, baseado nunha programación ampla, diversa e accesible. Segundo explicou, o obxectivo foi ofrecer actividades gratuítas e variadas para chegar a públicos de diferentes idades e gustos e favorecer unha participación ampla da cidadanía.

Malia esta valoración, o BNG mostrou a súa preocupación pola "perda de espazos" na próxima edición do San Froilán. A formación pon especialmente o foco no escenario da Mosqueira, que, segundo Ferreiro, non aparece incluído na licitación dos medios técnicos para as festas.

A edil lembrou que este emprazamento se consolidou durante as últimas edicións como un dos principais puntos para as actuacións das agrupacións culturais da cidade. "Este foi o gran escenario das agrupacións culturais de Lugo", sinalou Ferreiro, quen sostén que os colectivos locais non disporán este ano deste espazo de acordo cos diferentes pregos relacionados coa organización das patronais.

O BNG levou á primeira reunión da Comisión de Festas máis dunha vintena de propostas co obxectivo de garantir a presenza das agrupacións musicais de Lugo e reforzar a participación do tecido cultural e asociativo da cidade.

Entre as iniciativas defendidas polos nacionalistas figuran actividades impulsadas polas asociacións locais e propostas que se viñan celebrando de maneira habitual na Mosqueira, como o San Froilán Sorrí. O grupo municipal reclama que estes colectivos continúen contando cun papel destacado na programación dunha das principais celebracións do calendario festivo lucense.

0.10387015342712