O Breogán volverá á televisión pública galega as continuas reclamacións do BNG

LugoXa
AGalega emitirá 40 partidos da ACB durante as vindeiras dúas tempadas e ofrecerá tamén a fase previa europea do equipo lucense, unha emisión que os nacionalistas levaban reclamando desde setembro de 2025
Pazo-dos-Deportes-Fogar-de-Breogán-Lugo
9 Sep 2026

A afección ao baloncesto en Galicia contará esta tempada cunha maior presenza nos medios públicos autonómicos. AGalega e AGalega.gal ofrecerán durante as próximas dúas campañas unha ampla cobertura da Liga ACB grazas ao acordo alcanzado coa competición, que permitirá seguir en aberto un partido por xornada con presenza de equipos galegos.

A programación terá unha cita fixa cada domingo ás 12.00 horas, cun total de 40 encontros da liga regular ao longo das dúas tempadas. O acordo inclúe ademais os seis derbis galegos que se disputen na máxima categoría e a posibilidade de retransmitir partidos do play-off polo título se algún dos equipos da comunidade alcanza os cuartos de final.

O regreso do baloncesto galego á televisión pública terá como primeiro protagonista o Río Breogán. O conxunto lucense enfrontarase ao Joventut o domingo 27 de setembro ás 12.00 horas no Pazo dos Deportes de Lugo, nun encontro que poderá seguirse tanto pola primeira canle da TVG como a través de AGalega.gal.

A cobertura non quedará limitada á competición doméstica. A televisión autonómica tamén ofrecerá, xunto con AGalega.gal, os encontros que o Río Breogán dispute na fase previa da Basketball Champions League, que terá lugar en Bulgaria.

Deste xeito, a afección lucense poderá seguir tamén o camiño europeo do equipo, nunha tempada na que o conxunto terá presenza tanto na ACB como na competición continental.

Unha reivindicación que chega á televisión pública

A chegada destas retransmisións prodúcese despois de diferentes peticións do BNG para que a televisión pública galega recuperase a emisión dos partidos dos equipos da comunidade que compiten nas máximas categorías.

En xullo de 2026, a deputada nacionalista no Parlamento galego Olalla Rodil reclamou que a CRTVG adquirise os dereitos para ofrecer os encontros dos clubs galegos de baloncesto, tanto masculinos como femininos. A iniciativa poñía o foco especialmente na afección existente en Lugo arredor do Río Breogán e do Durán Maquinaria Ensino, pero tamén na importancia do baloncesto galego no conxunto da comunidade.

A petición xa fora formulada en setembro de 2025, cando Rodil solicitara no Parlamento galego que se facilitase a emisión dos partidos do Breogán na ACB. Nesa ocasión, a deputada lembrara que a televisión pública apenas ofrecera encontros do equipo lucense, agás durante a súa participación europea na tempada 2023/2024, e reivindicara o papel do club como embaixador de Galicia.

Co novo acordo, esa demanda queda finalmente materializada cunha programación estable que permitirá acceder de maneira gratuíta ás principais competicións nas que participan os equipos galegos e reforzará a presenza do baloncesto da comunidade nos medios públicos.

0.15544390678406