O Camiño Francés mellorará a seguridade dos peregrinos en oito concellos lucenses e galegos

GaliciaXa | LugoXa | SarriaXa
A Xunta somete a información pública un proxecto con actuacións en 11 tramos que afectan a 285 propiedades, incluídas as situadas en Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Monterroso e Palas de Rei
Camiño-Francés-Portomarín
26 Nov 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o anuncio de información pública do proxecto de trazado dos tramos comúns do Camiño Francés incluídos no Plan de Seguridade Viaria dos Camiños de Santiago. A iniciativa da Xunta busca evitar que os peregrinos e os usuarios das rutas xacobeas teñan que transitar polas zonas destinadas á circulación de vehículos.

O proxecto contempla actuacións en 11 tramos nos que o itinerario coincide co tráfico rodado. Para mellorar a seguridade, proponse a creación de sendas segregadas, beirarrúas ou itinerarios alternativos que permitan separar os percorridos peonís dos vehículos.

As intervencións afectan a un total de 285 propiedades repartidas por oito concellos do Camiño Francés: Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Monterroso, Palas de Rei, Melide e Santiago de Compostela.

Coa apertura do trámite, as persoas interesadas dispoñen de 30 días hábiles, a partir deste venres 27 de novembro, para presentar ante Turismo de Galicia as alegacións que consideren oportunas. A documentación do proxecto e a relación individualizada dos bens, dereitos e propietarios afectados poden consultarse na web, na sede central de Turismo de Galicia, nas áreas provinciais de Turismo da Coruña e Lugo e nos concellos implicados.

O plan no que se enmarcan estas actuacións conta cun investimento global superior aos 40 millóns de euros e contempla intervencións en máis de 150 quilómetros das nove rutas xacobeas terrestres. Ata o momento, xa pasaron polo trámite de información pública proxectos correspondentes aos Camiños Primitivo, de Fisterra-Muxía, de Inverno, Inglés, Portugués e do Norte.

0.15909194946289