O Carril das Flores estrea unha nova imaxe coa renovación da pasarela e a mellora do espazo urbano

LugoXa
Arroxo destaca que a actuación permite poñer en valor un enclave no que conflúen dous Patrimonios da Humanidade e reivindica o traballo realizado polo anterior Goberno de Lugo
mellora-no-Carril-das-Flores-BNG
1 Sep 2026

O Carril das Flores conta xa cunha nova configuración tras as obras de renovación da pasarela e de humanización do seu contorno. O portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, visitou o espazo acompañado por veciños e veciñas da zona e destacou a importancia dunha actuación que, segundo sinalou, permite recuperar e poñer en valor un dos puntos de maior interese patrimonial da cidade.

Arroxo subliñou que neste enclave "conflúen dous patrimonios da humanidade e conecta Fontiñas co centro da cidade", ao tempo que considerou que os traballos, iniciados no mes de xaneiro, permiten "rematar cun dos maiores puntos de feísmo de toda a cidade". O portavoz nacionalista defendeu ademais que a intervención supón "unha mellora substancial para a mobilidade e a imaxe urbana de Lugo".

A actuación inclúe a renovación da pasarela situada na zona próxima á rolda da Muralla. A antiga estrutura foi substituída por unha nova pasarela metálica lixeira, apoiada sobre piares e vigas e cunha cimentación soterrada. Esta solución permite manter visible o muro orixinal na súa totalidade e ampliar o ancho da parte inferior. O deseño busca ademais unha integración estética coa Mosqueira e coa praza do Camiño Primitivo, co obxectivo de crear unha continuidade visual ao longo do Carril das Flores.

Na parte superior mantívose o pavimento de plaqueta, mentres que o novo espazo incorpora unha calzada de formigón e unha zona destinada ao tránsito peonil realizada en granito. A intervención complétase con xardineiras de aceiro Corten e bancos, creando novos puntos de estancia e mellorando a relación entre a vía e o seu contorno.

O proxecto tamén transforma o Carril das Flores nunha plataforma única, diferenciando os itinerarios peonís das zonas destinadas aos vehículos que saen do aparcamento. O pavimento foi renovado e incorporáronse áreas axardinadas e mobiliario urbano. Tamén se actuou sobre o alumeado, co soterramento das canalizacións e a ampliación da rede para eliminar as zonas con pouca iluminación.

Dentro desta actuación recuperáronse, ademais, columnas de alumeado de fundición procedentes do casco histórico, que foron reutilizadas no novo espazo. Segundo explicou Arroxo, esta solución contribúe a mellorar a integración da contorna e permite avanzar na incorporación da tecnoloxía LED.

O portavoz do BNG lembrou que a transformación do Carril das Flores se iniciou durante o período 2019-2023, coa retirada da antiga pasarela metálica e o comezo da humanización do espazo situado na esquina desta vía coa rúa San Roque. Arroxo asegurou que o BNG, durante a súa etapa no Goberno local, realizou os trámites administrativos necesarios para deixar a actuación preparada e iniciada.

A visita serviu tamén para reivindicar outras actuacións que, segundo Arroxo, forman parte do traballo desenvolvido polo anterior Goberno municipal. "As iniciativas que está a realizar o goberno están a ser as que deixamos realizadas desde o goberno anterior", afirmou. Neste sentido, criticou que o Partido Popular "non conta cun proxecto para Lugo" e asegurou que, durante os meses que leva no Goberno, se limitou a continuar proxectos que xa estaban iniciados ou redactados.

Entre as actuacións citadas polo portavoz nacionalista atópase a renovación da rúa Nº85, un proxecto elaborado coa participación da veciñanza, así como a pasarela da rolda República Arxentina, que permitirá conectar os parques de Rosalía e Marcos Cela. Esta infraestrutura completaría, segundo Arroxo, o eixo peonil leste-oeste da cidade, que ten no Carril das Flores un dos seus puntos de inicio.

A intervención no Carril das Flores encádrase tamén nunha estratexia de mellora do percorrido do Camiño Primitivo ao seu paso por Lugo. Ao longo dos últimos sete anos desenvolvéronse actuacións en diferentes puntos do itinerario para incrementar a seguridade das persoas peoas e mellorar a integración urbana do trazado, con intervencións en zonas como Castelo e A Chanca.

Coa renovación do Carril das Flores, o percorrido do Camiño de Santiago por Lugo incorpora un novo espazo humanizado que reforza a conexión entre o itinerario xacobeo, a Muralla romana e outros elementos patrimoniais da cidade, contribuíndo a mellorar a experiencia das persoas que percorren este tramo.

0.15630602836609