O castelo de Pambre acollerá o Día das Letras Galegas na honra de Begoña Caamaño

O castelo de Pambre, no municipio de Palas de Rei, acollerá un acto polo Día das Letras Galegas dedicado a Begoña Caamaño, nun evento organizado pola Sección de Literatura do Instituto de Estudos Ulloáns.
A xornada, que se celebrará o sábado 16 de maio ás 12.00 horas, estará centrada na figura da escritora homenaxeada e reunirá distintas intervencións do ámbito cultural e literario.
A filóloga Andrea Santiso ofrecerá unha ponencia arredor da vida e obra de Begoña Caamaño. Pola súa parte, os escritores Fernando García Penas e Braulio Vilariño participarán na lectura de textos da autora, mentres que a poeta Fe Núñez tamén intervirá no evento. A programación completarase coa actuación musical de María Pacior e Lúa Aguete, que porán o peche artístico á celebración.