O Castro de Viladonga acollerá un obradoiro interxeracional para explorar novas formas de relatar a memoria

O Museo do Castro de Viladonga acollerá o vindeiro sábado 17 de outubro, un obradoiro interxeracional centrado nas técnicas gráficas para relatar memorias vinculadas ao castro e ao propio museo.
A actividade desenvolverase entre as 10.00 e as 14.00 horas e estará impartida por Adela Vázquez Veiga. O encontro busca ofrecer un espazo de participación para persoas de diferentes idades, que traballarán xuntas na creación de narrativas visuais arredor do museo e do Castro de Viladonga.
Segundo explica a organización, o obradoiro pretende descubrir técnicas coas que relatar memorias de maneira gráfica e achegarse ao castro desde unha narrativa visual que permita incorporar perspectivas diversas e contribuír á construción de significados.
As persoas interesadas en participar poden inscribirse no teléfono 982 870 160. A iniciativa está promovida coa colaboración da Xunta de Galicia e Xacobeo 2027.