O Castro do Teso da Ermida amosará os resultados da súa última campaña arqueolóxica

O Castro do Teso da Ermida, en Navia de Suarna, abrirá as súas portas este mércores, 28 de outubro, para dar a coñecer os resultados da última campaña arqueolóxica, desenvolvida este ano. A visita guiada comezará ás 17:00 horas, terá acceso libre e estará dirixida polo equipo técnico responsable dos traballos, que explicará os avances na investigación e as actuacións destinadas a conservar e mellorar a interpretación do xacemento.
A intervención contou cun investimento de 20.000 euros da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través dun convenio co Concello de Navia de Suarna, e coa participación da Asociación Ser. Os traballos incluíron a escavación duns 30 metros cadrados no sector 2, dando continuidade ás campañas anteriores para completar a planta de tres vivendas que quedaran parcialmente escavadas e facilitar un itinerario de visita máis accesible.
O castro atópase ao carón do lugar de Vilela, na parroquia de Santa María de Son, e ocupa arredor de dúas hectáreas nun esporón rochoso situado entre dous regatos. Trátase dun asentamento castrexo vinculado á explotación do ouro na antigüidade, delimitado por fosos e murallas que permiten apreciar as características dos poboados da Idade do Ferro en Galicia.
Ademais das escavacións, a campaña incluíu tarefas de limpeza, roza, consolidación e acondicionamento de estruturas arqueolóxicas descubertas en anos anteriores, co obxectivo de garantir a súa conservación e mellorar as condicións para as visitas.
As actuacións no Castro do Teso da Ermida comezaron en 2020 e permitiron avanzar no coñecemento do asentamento, así como na súa conservación e posta en valor. Neste período tamén se restaurou a antiga ermida situada no propio recinto.
A campaña de 2025 centrouse en ampliar o sector 2, onde actualmente poden contemplarse varios bancais en ladeira con diferentes construcións. En total, identificáronse sete vivendas: catro practicamente completas, tres de planta circular e unha rectangular, e outras tres escavadas parcialmente. O conxunto conserva tamén zonas de paso, calexóns, muros de nivelación e descarga, escaleiras, lousados e sistemas de drenaxe.