O Caudal Fest 2027 confirma que a banda que será a cabeza de cartel será La Oreja de Van Gogh

La Oreja de Van Gogh será un dos grandes cabezas de cartel do Caudal Fest 2027, que celebrará a súa próxima edición os días 17 e 18 de setembro no Xardín do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. A incorporación da formación donostiarra suma ao festival unha das bandas máis recoñecibles do pop en castelán das últimas décadas.
Desde finais dos anos 90, La Oreja de Van Gogh consolidouse como unha das formacións máis populares da música española, cunha traxectoria marcada por numerosos éxitos, millóns de discos vendidos e unha ampla presenza nas plataformas dixitais. As súas cancións acompañaron varias xeracións e permitiron ao grupo manter unha importante conexión co público ao longo de case tres décadas.
A banda afronta ademais unha nova etapa tras o regreso de Amaia Montero, vocalista histórica, líder e membro fundadora da formación. A súa volta en 2026 xerou unha gran expectación entre os seguidores e deu paso a unha xira de regreso que se converteu nun dos acontecementos musicais destacados do ano en España.
Con esta incorporación, o Caudal Fest continúa avanzando na configuración do cartel da súa edición de 2027, coa intención de volver situar Lugo como un dos puntos de referencia musical durante o final do verán.
O festival conta para a súa organización co apoio do Concello de Lugo, a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia.