O CB Breogán dará visibilidade ao labor de FADAS no partido deste sábado no Pazo

LugoXa
O encontro ante o San Pablo Burgos, ás 18:00 horas, servirá para achegar á afección o traballo da Federación de Asociacións de Ámbito Social, que agrupa trece entidades lucenses
CB Breogán Vicepresidencia e FADAS
12 Nov 2026

O CB Breogán dedicará o seu próximo partido no Pazo, este sábado, 14 de novembro, ás 18:00 horas ante o San Pablo Burgos, a dar visibilidade ao traballo da Federación de Asociacións de Ámbito Social (FADAS), unha entidade lucense que agrupa trece asociacións e promove a cooperación e o traballo en rede no ámbito social.

A iniciativa foi presentada polo vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro; o director deportivo do CB Breogán, Salva Arco, e o presidente de FADAS, Gerardo Castedo. Castro destacou que os encontros no Pazo constitúen "un excelente espazo para poñer en valor o traballo das asociacións" e defendeu o papel do deporte na loita contra o racismo e a xenofobia. Neste sentido, sinalou que debe ser unha vangarda contra as barreiras por razón de cor da pel ou crenzas, valores que, na súa opinión, deberían ter maior presenza no conxunto da sociedade.

FADAS leva traballando desde 2012 para establecer vínculos entre asociacións do ámbito social e fomentar a cooperación entre elas. Actualmente integra trece entidades que desenvolven proxectos relacionados coa cooperación ao desenvolvemento, o comercio xusto, a atención á poboación migrante, a diversidade cultural, a infancia, a igualdade e o apoio ás vítimas de violencia de xénero.

As asociacións federadas tamén traballan con persoas maiores, persoas con adiccións, persoas reclusas ou exreclusas e colectivos con necesidades de apoio sociosanitario e sociolaboral, ademais de promover o voluntariado e o empoderamento persoal.

A acción enmárcase no acordo de patrocinio polo que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia o CB Breogán e que permite ás entidades lucenses utilizar os espazos promocionais do Pazo e as redes sociais do club para difundir as súas actividades e dar a coñecer o seu labor entre a cidadanía.

0.16289687156677