O CD Lugo e a Deputación impulsan conversas con xogadores para achegar o fútbol á cidadanía

LugoXa
A iniciativa destaca os valores do deporte e a conexión persoal cos referentes deportivos
Conversas-CD-Lugo
6 May 2026

O Club Deportivo Lugo e a Área de Deportes da Deputación de Lugo puxeron en marcha unha serie de conversas nas que o vicepresidente provincial, Efrén Castro, mantén encontros con distintos xogadores do primeiro equipo da entidade. Entre os participantes atópanse Jorge González e Kevin Presa, que comparten vivencias e reflexións arredor do fútbol desde unha perspectiva próxima e persoal.

Durante estes encontros, tanto os futbolistas como o representante institucional abordan de maneira sincera a súa relación co deporte, facendo un percorrido polas súas experiencias vitais, desde a infancia e os inicios no fútbol ata a súa situación actual. Tamén se pon o foco na importancia do fútbol base e nos valores que o deporte transmite para a vida, así como na evolución do fútbol nos últimos anos e no significado de regresar a Galicia, no caso de Kevin Presa.

A través destas conversas, tanto desde a Vicepresidencia da Deputación como desde o club búscase achegar á sociedade aos xogadores, amosando unha imaxe máis humana e próxima, máis alá da súa faceta profesional. O obxectivo é favorecer a empatía da cidadanía con persoas que, independentemente do seu traballo, comparten vivencias e preocupacións comúns.

Ademais, a iniciativa serve para reforzar o compromiso co uso da lingua galega, xa que as conversas se desenvolven integramente neste idioma. Deste xeito, contribúese a normalizar o galego no ámbito cotián e tamén no deportivo, contando coa participación de figuras recoñecibles que se converten en referentes para as xeracións máis novas, ás que tamén animan a empregar a lingua propia.

0.14049911499023