O cemiterio de San Froilán acolle o 24 de maio unha visita teatralizada dedicada a escritores galegos

O Cemiterio de San Froilán acollerá o vindeiro domingo 24 de maio ás 17.30 horas unha nova visita teatralizada incluída na Programación cultural de Primavera, unha iniciativa que busca poñer en valor a memoria histórica e cultural da cidade a través da representación escénica.
A actividade correrá a cargo do Grupo de teatro Achádego, que nesta ocasión centrará o percorrido en distintas figuras vinculadas ao mundo da escritura e da creación literaria galega. A través das interpretacións teatrais, o público poderá achegarse á vida e ao legado de autores que deixaron unha importante pegada na cultura do país.
Entre os protagonistas da visita figuran Ánxel Fole, soterrado no cemiterio de San Froilán e recoñecido pola súa achega a diferentes xéneros literarios; Luís Pimentel, un dos grandes referentes da poesía galega influenciada polas vangardas; e Celestino Fernández de la Vega, ensaísta e filósofo coñecido especialmente pola súa obra O segredo do humor.
As visitas teatralizadas forman parte da programación cultural impulsada no camposanto lucense e pretenden recuperar e divulgar a memoria de persoas destacadas da historia e da cultura de Lugo e de Galicia.