O cemiterio de San Froilán recupera as visitas teatralizadas con catro personaxes da memoria popular lucense

LugoXa
A actividade, a cargo do grupo Achádego, celebrarase o domingo 15 de novembro ás 17:30 horas e será gratuíta, cun aforo máximo de 50 persoas
Achádego-Teatro-cemiterio-Lugo
11 Nov 2026

O cemiterio municipal de San Froilán retomará o vindeiro domingo, 15 de novembro, as visitas teatralizadas cunha proposta dedicada a recuperar a memoria dalgúns dos personaxes máis singulares da historia popular de Lugo. Baixo o título 'Persoeiros peculiares que deixaron pegada na historia lucense', o grupo de teatro Achádego dará vida a homes e mulleres que, polas súas personalidades e formas de entender a vida, se afastaban das normas sociais da súa época.

Entre os protagonistas estarán Madalena da Ponte, unha muller libre e afeccionada ao viño; Caín o da Lotaría, coñecido vendedor de lotería; Mercedes a Petateira, considerada posiblemente unha das últimas maleteiras de Galicia; e Currinche, que se presentaba como "mestre de esgrima" e destacaba pola súa habilidade para conseguir cartos dos demais. As súas historias e anécdotas forman parte dos recordos que aínda se conservan entre a veciñanza lucense.

A actividade combinará historia, memoria e interpretación teatral, cunha perspectiva amena e humorística sobre estas figuras populares e a súa contribución á identidade colectiva da cidade. A representación comezará ás 17:30 horas no cemiterio de San Froilán, será gratuíta e contará cun aforo máximo de 50 persoas.

Esta convocatoria dará continuidade á programación cultural do recinto, que esta fin de semana acolleu a representación de 'Don Juan', a cargo do grupo Palimoco, cunha notable afluencia de público. As visitas teatralizadas permiten descubrir o cemiterio desde unha perspectiva diferente, a través das historias e dos personaxes que forman parte da memoria lucense.

0.15644001960754