O centro de saúde da Fonsagrada mellorará a súa accesibilidade e climatización cun investimento de 169.000 euros

LugoXa
A Xunta licita as obras, que inclúen un soportal exterior, a renovación da fachada e a instalación dun sistema de climatización nas zonas comúns
centro-saude-fonsagrada
30 Oct 2026

O centro de saúde da Fonsagrada contará cunha actuación de mellora das súas instalacións para reforzar a accesibilidade, a protección fronte ás condicións meteorolóxicas e a eficiencia enerxética. A Xunta de Galicia sacou a licitación estes traballos por un importe de 169.188,25 euros, a través do Portal de Contratos Públicos.

O proxecto contempla a climatización do vestíbulo, das zonas de espera, da circulación principal e dos espazos comúns do edificio. Para iso, instalarase un sistema parcial de climatización mediante tecnoloxía VRF (caudal de refrixerante variable), que permitirá adaptar o funcionamento ás necesidades das distintas zonas.

A intervención tamén inclúe a construción dun soportal exterior para protexer o acceso ao inmoble, así como a mellora da fachada. Con estes traballos preténdese reforzar a protección fronte á choiva e á neve, facilitar a accesibilidade e renovar a estética do edificio.

O contrato establece un prazo máximo de execución de 56 días naturais. A actuación busca, ademais, garantir a continuidade do servizo sanitario, reducir o consumo eléctrico e as emisións asociadas, diminuír os custos de mantemento e aumentar a dispoñibilidade das instalacións.

As empresas interesadas en executar as obras poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 19 de novembro.

0.15458393096924