O Centro Dramático Galego levará o espectáculo 'Terceiro Acto' a Lugo, Ourense e A Coruña

LugoXa | ACoruñaXa | OurenseXa
'Terceiro acto' pasará polo Auditorio Gustavo Freire o 24 de outubro, polo Auditorio Municipal de Ourense o 10 de novembro e polo Teatro Rosalía Castro da Coruña, o 14 de novembro
Terceiro Acto
Terceiro Acto
1 Out 2024

A peza 'Terceiro act0', unha produción propia do Centro Dramático Galego, regresa aos escenarios como parte da recta final da actividade que a unidade teatral da Xunta de Galicia ten programada para conmemorar o seu 40º aniversario. O espectáculo, con novos nomes no elenco, permanecerá en cartel na capital de Galicia ata o día 20, para iniciar despois unha xira por outros oito concellos galegos.

A peza, con dirección e dramaturxia de Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez, conta agora coas interpretacións a cargo de Belén Constenla, Fernando  Morán, César Cambeiro, María Costas e César Goldi. Os tres últimos tómanlle a testemuña a Tatán R. Cunha, Mabel Rivera e Roberto Leal, integrantes do primeiro elenco reunido hai tres anos. Consérvanse as realizacións artísticas orixinais: a escenografía deseñada por Marta Pazos, o vestiario de Yaiza Pinillos, a coreografía de Amaya Galeote e a iluminación de Miguel Ruz, en tanto que Laura Míguez se incorpora como axudante de dirección.

Optimizar a distribución

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, acompañado polo director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, visitou un dos ensaios da compañía no Salón Teatro e trasladoulle os parabéns a todo o equipo por poñer en pé de novo o proxecto e incrementar a súa difusión, xa que 'Terceiro acto' visitará ata mediados de novembro os escenarios de Lugo (Auditorio Gustavo Freire, 24 de outubro), Narón (Pazo da Cultura, 26 de outubro), Tui (Teatro Municipal, 31 de outubro), Pontevedra (Pazo da Cultura, 2 de novembro), O Barco de Valdeorras (Teatro Lauro Olmo, 8 de novembro), Cedeira (Auditorio Municipal, 10 de novembro), A Coruña (Teatro Rosalía Castro, 14 de novembro) e Ourense (Teatro Principal, 16 de novembro). Materializarase así unha xira que en 2021 non foi posible realizar por mor da pandemia, co que se optimizará a distribución e a rendibilidade social do espectáculo.

Ademais, o Centro Dramático Galego daralle continuidade ao seu plan de mobilidade, que traerá durante este mes ao Salón Teatro público concertado procedente de 50 concellos galegos baixo a pregunta Sobes ao autobús do teatro?. Así, durante a primeira semana recibiranse xa autocares desde Outes, Negreira, Allariz, Amoeiro, Ribeira, Boiro, Mesía, Frades, Alfoz, Barreiros, Vilalba, Cervo, Xermade e Guitiriz.

A conversa como base

'Terceiro acto' ofrece unha reflexión sobre a última etapa da vida á vez que reivindica o papel das persoas maiores na sociedade actual. Sobre a escena, unha troupe de actrices e actores veteranos reúnese de xeito clandestino pola noite para emprender a que quizais sexa a súa última aventura xuntos. Revivirán o que non volverá para entender, para modificar, para se reconciliaren co que xa non está, ao tempo que reflexionan sobre o terceiro acto das súas vidas. Analizarán o seu legado e proxectaranse no futuro incerto para falar sobre a vellez, a morte, os seus anhelos e desexos para esta nova etapa vital.

O espectáculo convértese deste xeito nun lugar de encontro, coa conversa como base. Os actores e actrices fúndense nas personaxes para compartir co público a súa memoria, os seus soños e as súas emocións nunha viaxe apaixonante a través das experiencias dunha parte viva do teatro en Galicia, o que conecta tamén coa conmemoración da traxectoria de catro décadas de teatro público, desde a fundación do Centro Dramático Galego en 1984.

 

0.13807106018066