O certame Findecurta reuniu aos equipos participantes e fixou as normas da creación audiovisual

O certame audiovisual Findecurta reuniu na Casa do Saber de Lugo aos representantes dos oito grupos que compiten nesta edición, xa consolidada como unha cita destacada no panorama audiovisual lucense. O encontro serviu para trasladar ás persoas participantes as indicacións e requisitos que deberán cumprir nas curtametraxes que están a desenvolver, cuxo prazo de entrega remata o 28 de abril ás 10:30 horas.
As obras a concurso deberán incorporar unha serie de elementos obrigatorios, entre os que se atopan os personaxes de Emilio Mouret ou Emilia Mouret, arqueóloga, e Bernaldo Peirallo ou Bernalda Peirallo, pintor, ademais da presenza dun ouriñal e dun espremedor como elementos narrativos integrados nas historias.
Os premios establecidos inclúen un primeiro galardón de 450 euros, que ademais garante a participación da curtametraxe na Semana de Cine de Lugo, onde competirá polo Premio do Público á Mellor Curtametraxe Galega. Tamén se contempla un segundo premio, correspondente ao Premio do Público, que igualmente dará acceso á devandita semana cinematográfica. A proxección das obras finalistas e a entrega de premios terá lugar o 22 de maio ás 20:30 horas na Casa do Saber.
O certame desenvolvese baixo un formato de creación en tempo limitado, no que toda a curtametraxe debe producirse exclusivamente durante o período oficial, que comezou o pasado venres e se estende ata a mañá do 28 de abril. Non se permite ningún traballo previo de elaboración creativa, incluíndo guión, ensaios, deseño, rodaxe, edición ou posprodución, quedando unicamente autorizado o labor organizativo previo dos equipos e aspectos como seguros de equipo ou de localizacións.
As normas tamén establecen que non se pode empregar material de arquivo nin gravacións previas, aínda que se admiten distintas técnicas como animación, fotografía ou efectos especiais, sempre que sexan creadas dentro do tempo oficial do concurso.
Para seren admitidas, as curtametraxes deben ser orixinais, non vulnerar dereitos de terceiros nin incluír contidos difamatorios ou que afecten á privacidade ou aos dereitos de persoas, empresas ou entidades, ademais de cumprir a normativa vixente e non conter elementos protexidos por copyright.
Esta iniciativa forma parte da programación impulsada a través do convenio entre a Universidade de Santiago de Compostela, Cultura e Turismo do Concello de Lugo e a Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.