O ciclo Amal en Ruta chega a Lugo cunha edición centrada na realidade palestina

LugoXa
A Deputación programa cinco proxeccións entre maio e xuño para achegar ao público unha visión crítica a través do cinema euroárabe
Presentación-Amal-en-Ruta-Deputación-de-Lugo
23 Apr 2026

A sede da Deputación de Lugo converterase durante os meses de maio e xuño nun espazo de reflexión arredor da situación do pobo palestino coa celebración dunha nova edición do ciclo de cinema euroárabe Amal en Ruta. A iniciativa, que regresa á cidade en 2026, desenvolverase a través de varias sesións abertas ao público no Salón de Actos da institución provincial.

A deputada Pilar García Porto puxo en valor a continuidade deste proxecto cultural, que considera unha ferramenta para aproximarse a realidades complexas desde unha perspectiva humana. Segundo indicou, o cinema permite “emocionar, interpelar e xerar reflexión”, ao tempo que contribúe a coñecer contextos afastados e fomentar unha maior comprensión social.

A responsable provincial contextualizou esta proposta nun escenario internacional marcado polo conflito e o impacto sobre a poboación civil, defendendo o papel da cultura como vía para escoitar diferentes voces e interpretar o que acontece desde o respecto aos dereitos humanos, a dignidade e a paz.

Baixo o lema Todas somos Palestina. Unha ollada a través do cine, o ciclo estrutúrase en torno a cinco eixos clave para entender a realidade palestina, como Gaza, a Nakba, a ocupación, o exilio e as mobilizacións sociais. A programación inclúe cinco filmes —tres longametraxes e dous documentais— que ofrecen unha visión comprometida sobre a identidade, a resistencia e a vida cotiá do pobo palestino.

As proxeccións celebraranse os días 5, 12, 19 e 26 de maio, así como o 2 de xuño. O ciclo abrirase con This is Gaza, de Tom Besley, unha obra que aborda o conflito entre Israel e Hamás desde a perspectiva do cineasta palestino Yousef Hammash. A continuación, o 12 de maio, proxectarase Jenin, Jenin, de Mohammed Bakri, que revisita o campo de refuxiados tras máis de vinte anos.

O 19 de maio será a quenda de The Time that Remains, de Elia Suleiman, unha proposta que combina humor e crítica para retratar a vida baixo ocupación. Posteriormente, o 26 de maio, exhibirase Notes on Displacement, de Khaled Jarrar, centrada no percorrido dunha muller palestina cara Europa. O ciclo concluirá o 2 de xuño con The Encampments, de Kei Pritsker, que documenta as protestas estudantís en apoio a Palestina iniciadas en 2024 na Universidade de Columbia.

García Porto destacou que esta programación representa unha oportunidade para “mirar con máis atención” e contribuír á construción dunha sociedade máis consciente, incidindo no compromiso da Deputación co impulso de iniciativas que favorezan o diálogo intercultural e o pensamento crítico.

0.12322402000427