O ciclo Experimenta! achegará a Lugo tres xornadas de música e audiovisual de vangarda

LugoXa
Os xardíns do Pazo de San Marcos e a Capela de Santa María acollerán do 21 ao 23 de xullo actuacións de Rüdiguer, Matsu e Gazela
Ciclo-Experimenta-2026-Tele-Clube-Lugo
9 Jun 2026

O ciclo Experimenta!, promovido pola Asociación Cultural Tele-Clube coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, regresará do 21 ao 23 de xullo cunha nova edición dedicada á música e ao audiovisual experimental en directo. Os concertos e propostas escénicas desenvolveranse nos xardíns do Pazo de San Marcos e na Capela de Santa María, dous espazos emblemáticos da cidade que volverán converterse en escenarios para a creación contemporánea.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, presentou esta nova edición nos xardíns do Pazo de San Marcos acompañado por César Acebedo e Darío Real, integrantes da Asociación Cultural Tele-Clube. Durante o acto, os responsables da iniciativa detallaron a programación prevista para este ano, que contará coa participación de artistas procedentes de distintos puntos do Estado como Rüdiguer, desde Bera (Navarra), Matsu, desde Granada, e Gazela, desde Valencia.

A programación arrancará o martes 21 de xullo ás 20:30 horas nos xardíns do Pazo de San Marcos coa actuación de Rüdiguer. O artista navarro presentará unha proposta baseada en paisaxes sonoras hipnóticas e estética lo-fi, combinando psicodelia atmosférica con texturas sintéticas de carácter vangardista. A súa música explora emocións como a melancolía e a introspección a través dunha produción minimalista e envolvente.

O mércores 22 de xullo, tamén ás 20:30 horas, a Capela de Santa María acollerá a actuación de Matsu. O músico granadino ofrecerá unha proposta de electrónica pausada e emocional que fusiona paisaxes sonoras evocadoras con ritmos de baile profundos e sutís, construíndo unha identidade sonora marcada pola calidez e a sensibilidade.

O ciclo concluirá o xoves 23 de xullo ás 20:30 horas nos xardíns do Pazo de San Marcos coa actuación de Gazela. A formación valenciana presentará unha evolución do seu estilo característico, baseado en sonoridades shoegaze e dreampop atmosférico, poñendo o broche final a esta edición do festival.

Os organizadores lembraron que o Ciclo Experimenta naceu coa intención de dar novos usos a espazos pouco habituais para a celebración de espectáculos culturais, transformándoos en puntos de encontro para a creación artística contemporánea. A música en directo actúa como fío condutor dun proxecto que tamén aposta pola diversidade lingüística, o audiovisual, a poesía e a fusión entre a tradición e as propostas máis innovadoras.

Desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo destacouse que esta iniciativa encaixa nas liñas de apoio ao tecido asociativo e de difusión da cultura contemporánea que a institución provincial vén impulsando nos últimos anos, favorecendo o acceso da cidadanía a propostas culturais singulares e contribuíndo á dinamización da vida cultural da provincia.

0.10257411003113