O Ciclo Mestre Mateo chega á Fonsagrada da man da asociación Abordelar
A asociación Cultural Abordelar organiza as proxeccións do Ciclo Mestre Mateo no concello da Fonsagrada, baixo o proxecto que desenvolve a Academia Galega do Audiovisual e a área de Cultura da vicepresidencia da Deputación de Lugo. O salón de actos dos Chaos converterase nunha sala de cine unha fin de semana cada quince días cunha programación que partirá do 12 de outubro até o 15 de decembro.
A programación presenta unha oferta ampla, variada e dirixida tanto ao público infantil como adulto, nas que se proxectarán un total de 17 títulos compostos por longametraxes, documentais e curtametraxes. Todos eles referentes aos finalistas dos premios de referencia do audiovisual galego, os Mestre Mateo 2024. Como por exemplo O Corno, Matria ou Fatum.
O obxectivo principal que se propón a Academia Galega do Audiovisual como a área de Cultura da vicepresidencia da Deputación de Lugo é achegar as producións galegas aos municipios nos que non existe unha oferta de cinema comercial, polo que habitualmente non chegan os filmes que participan nos Premios Mestre Mateo. A primeira sesión será o sábado 12 de outubro ás 20 horas con Matria e o domingo 13 de outubro con A viaxe de Lucy ás 17 horas. A asistencia para o público será gratuíta, sen necesidade de reserva previa de entradas.