O cinema ao aire libre chegará este verán a barrios e parroquias de Lugo cun novo ciclo de sete proxeccións

LugoXa
A iniciativa municipal ‘Cine na Rúa’ ofrecerá sesións gratuítas entre xullo e setembro con propostas para todos os públicos e cunha forte presenza no rural
Cine na rua lugo portada
2 Jul 2026

As rúas, prazas e espazos públicos de Lugo converteranse este verán en escenarios para o cinema ao aire libre coa posta en marcha de 'Cine na Rúa', un novo ciclo de sete proxeccións gratuítas pensado para achegar a cultura a diferentes barrios e parroquias do municipio cunha programación gratuíta e destinada a públicos de todas as idades.

A proposta incorpora como principal novidade unha clara aposta pola descentralización da oferta cultural, xa que catro das sete sesións previstas celebraranse no rural. As proxeccións chegarán ás parroquias de Orbazai, Benade, San Xoán do Campo e Nadela, levando esta actividade a diferentes puntos do municipio.

O Concello de Lugo, a través da área de Cultura e Educación, impulsa esta iniciativa coa intención de crear espazos de encontro para desfrutar da cultura durante as noites de verán e facilitar o acceso á programación cultural máis alá do centro urbano.

O concelleiro de Cultura e Educación, Javier Vázquez, explicou que a iniciativa responde ao compromiso de facer chegar a cultura a todo o territorio e destacou que o rural tamén forma parte activa da vida cultural do municipio.

O ciclo desenvolverase entre os meses de xullo e setembro. A programación arrancará o sábado 4 de xullo en Orbazai coa proxección de El Casoplón. O sábado 18 será a quenda de Benade con Antes de nós e o mércores 29 de xullo o Parque da Milagrosa acollerá Wolfgang, Extraordinario.

No mes de agosto, o Parque Rosalía de Castro proxectará o día 12 Amigos imaxinarios, mentres que San Xoán do Campo recibirá o día 15 Los tipos malos II. A programación continuará o día 29 en Nadela coa exhibición de Sorda.

O ciclo concluirá o 10 de setembro na Praza de Santa María coa proxección de Rondallas.

0.12402105331421