O Club Cultural Valle-Inclán ofrece unha retrospectiva de Jafar Panahi no Vello Cárcere

O Club Cultural Valle-Inclán organiza nas próximas semanas unha retrospectiva dedicada ao cineasta iraniano Jafar Panahi, unha das figuras máis recoñecidas do cinema contemporáneo e símbolo internacional da liberdade creativa fronte á censura.
A retrospectiva comezará o 18 de maio coa proxección de El globo blanco (1995), continuará o 25 de maio con El espejo (1997), seguirá o 1 de xuño con Crimson Gold (Sangre y oro) (2003) e rematará o 8 de xuño con Offside (Fuera de juego) (2006).
Nado en 1960, Panahi iniciou a súa carreira como asistente de dirección de Abbas Kiarostami e consolidouse rapidamente cunha voz propia marcada por unha mirada humana, crítica e comprometida coa realidade social. A súa filmografía aborda cuestións como a situación das mulleres, a desigualdade social ou a relación entre o individuo e o Estado, combinando realismo, sutileza narrativa e unha forte carga simbólica.
Ao longo da súa traxectoria, o director sufriu persecución, censura e prisión por parte do réxime iraniano. En 2010 foi condenado a seis anos de cárcere e a vinte anos de prohibición para filmar, escribir guións ou abandonar o país. A pesar destas restricións, continuou realizando películas en condicións extremas, converténdose nun referente mundial da resistencia cultural.
O Club Valle-Inclán xa programara ao longo dos anos boa parte da filmografía de Panahi segundo se foi estreando, e agora recupera os seus primeiros traballos nun ciclo especial que se desenvolverá no Salón de Actos do Vello Cárcere de Lugo.
Todas as sesións serán ás 19.30 horas con entrada gratuíta ata completar a capacidade da sala. A organización lembra que, unha vez iniciada a proxección, non se permitirá o acceso ao recinto.