O Club de Billar Adai organiza unha xornada de portas abertas para promover a inclusión e a accesibilidade

LugoXa
A actividade celebrarase o domingo 15 de novembro, ás 16:30 horas, nas instalacións da entidade, situadas na parroquia de Santiago de Adai, no concello do Corgo
Club-de-Billar-Adai
12 Nov 2026

O Club de Billar Adai celebrará este domingo 15 de novembro unha Xornada Inclusiva de Portas Abertas co obxectivo de achegar este deporte á veciñanza e visibilizar a importancia da accesibilidade universal nos espazos comunitarios. A actividade comezará ás 16:30 horas nas instalacións da entidade, situadas na parroquia de Santiago de Adai, no concello do Corgo.

A convocatoria está aberta ao conxunto da poboación, con especial atención aos colectivos da contorna que traballan a prol da inclusión e da eliminación das barreiras de accesibilidade. Durante a xornada, as persoas asistentes poderán coñecer e probar o billar, compartir un espazo de convivencia coa veciñanza e descubrir as posibilidades desta práctica deportiva.

A iniciativa xorde ao abeiro do proxecto 'Intervención para a accesibilidade universal no local social Antiga Escola de Adai: adaptación de aseo accesible', que permitiu mellorar as condicións de accesibilidade das instalacións. A actuación contou co financiamento da Área de Medio Ambiente da Deputación de Lugo, a través das subvencións destinadas a entidades asociativas sen ánimo de lucro das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses para proxectos de investimento durante 2026.

Desde o club destacan que esta xornada pretende ofrecer aos colectivos da contorna unha primeira toma de contacto co billar e unha oportunidade para socializar, pero tamén chamar a atención sobre a necesidade de avanzar cara a unha inclusión real e garantir que todas as persoas poidan participar en igualdade de condicións nas actividades e nos espazos da comunidade.

0.15051412582397