O Concello anuncia que reparará a fuga de auga da avenida da Coruña a partir do mércores 25 e prevé cortes de subministración de ata 12 horas

O Concello de Lugo acometerá a vindeira semana a reparación definitiva da fuga de auga detectada na avenida da Coruña, á altura do número 224, nunha das principais conducións de abastecemento da cidade. A intervención comezará o luns 23 de novembro cos traballos de delimitación da zona e reordenación do tráfico, mentres que a actuación directa sobre a tubaxe está prevista para o mércores 25, a partir das 8:00 horas.
A reparación chega despois dunha fase de diagnose na que se utilizaron equipos especializados de xeófonos e localizadores para identificar o punto exacto da fuga sen necesidade de realizar cortes masivos previos. O dispositivo técnico organizarase por fases para reducir as molestias á veciñanza, aos establecementos comerciais e ás persoas condutoras, polo que non se abrirá a calzada ata dispoñer do material específico necesario. Interromperase a circulación dun carril en sentido saída e o central de entrada á cidade, entre a Rúa Illas Canarias e o número 234 de Avenida de A Coruña.
O calendario establece que o luns 23, a partir das 8:30 horas, comezarán os traballos de delimitación da zona de actuación e reordenación da circulación, que se prolongarán durante toda a xornada. O martes 24 será a quenda da provisión do material e do replanteo da obra civil. Finalmente, o mércores 25 iniciarase a intervención na condución principal, que implicará o corte da subministración, a apertura da gabia, a inspección directa da avaría e a súa reparación.
Trátase dunha tubaxe de fundición dúctil de 500 milímetros de diámetro, situada a uns tres metros de profundidade. Por este motivo, o alcance exacto dos traballos non se coñecerá ata que se abra a gabia e os técnicos poidan comprobar o estado da condución. Se é posible actuar directamente sobre o punto da fuga tras cortar o sector, sen baleirar a tubaxe, a reparación poderá realizarse con maior rapidez. Pola contra, se a rotura obriga a seccionar a condución e substituír un tramo, será necesario baleirala completamente antes de instalar a nova peza.
Cortes de auga e posibles afeccións a outros barrios
O Concello prevé cortes de subministración e baixadas de presión durante toda a xornada do mércores na avenida da Coruña e nas rúas da contorna. A duración mínima estimada da reparación é de 12 horas, aínda que non se descarta que as incidencias no abastecemento se prolonguen ata o xoves 26 se finalmente é necesario baleirar a condución e substituír parte da tubaxe.
Ademais, en función da evolución dos traballos, podería ampliarse o perímetro das zonas afectadas a outras áreas do norte da cidade e mesmo ata o barrio do Sagrado Corazón. Se a interrupción da subministración continúa o xoves, o Concello habilitará grifos provisionais para facilitar o acceso á auga á veciñanza afectada. As localizacións destes puntos comunicaranse a través das redes sociais municipais e dos medios de comunicación.
Cambios no tráfico e nos autobuses urbanos
A intervención tamén afectará á circulación na avenida da Coruña, onde se interromperá un carril en sentido saída da cidade. A reordenación do tráfico comezará o luns 23 ás 8:30 horas e o Concello recomenda evitar, na medida do posible, este tramo e utilizar vías alternativas, especialmente para os desprazamentos de saída.
Pola súa banda, as liñas de autobús urbano que circulan pola avenida da Coruña nese sentido modificarán o seu percorrido durante as obras. O desvío realizarase inicialmente pola avenida Reverendo Xosé Fernández Núñez, a rúa Anselmo Sampedro Ania, a rúa Otero Besteiro e a rúa Manuel María.
Para facilitar o acceso ao transporte público habilitaranse dúas paradas provisionais: unha na rúa Manuel María, á altura do número 3, e outra na avenida Reverendo Xosé Fernández Núñez, á altura do número 211. O Concello pide ás persoas usuarias que teñan en conta estas modificacións e consulten a información sobre os novos percorridos e puntos de parada.
O goberno local agradece a comprensión da veciñanza e das persoas usuarias da vía polas posibles molestias derivadas dunha intervención necesaria para garantir o correcto funcionamento dunha das principais conducións de abastecemento de Lugo.