O Concello de Lugo abre do 8 ao 12 de xuño as inscricións para as Aulas Abertas de Verán con 440 prazas

LugoXa
O programa, dirixido a nenos e nenas de 4 a 10 anos, desenvolverase en varios centros de convivencia durante xullo e agosto para facilitar a conciliación familiar e laboral
aulas-abertas-verán-Lugo
3 Jun 2026

O Concello de Lugo abrirá entre os días 8 e 12 de xuño o prazo de inscrición para participar nas Aulas Abertas de Verán, un programa municipal orientado a apoiar a conciliación das familias durante a época estival. A iniciativa contará este ano con 440 prazas destinadas a nenos e nenas de entre 4 e 10 anos.

O programa desenvolverase durante os meses de xullo e agosto nos centros de convivencia de Fingoi, Lamas de Prado, Maruja Mallo, Milagrosa e Paco Martín. As actividades combinarán propostas deportivas, xogos, obradoiros e dinámicas de lecer adaptadas ás distintas idades dos participantes.

As quendas organizaranse de luns a venres en catro períodos: do 1 ao 15 de xullo, do 16 ao 31 de xullo, do 3 ao 14 de agosto e do 17 ao 31 de agosto, cun horario de 8:30 a 14:30 horas.

O programa está dirixido a menores nados entre 2016 e 2022, que deberán ter cumpridos os 4 anos e non superar os 10 no momento de inicio da quenda solicitada. As solicitudes poderán presentarse de forma presencial, telemática ou por rexistro entre o 8 e o 12 de xuño, en horario de 9:00 a 13:00 horas. No caso do centro Paco Martín, a inscrición presencial realizarase no centro de convivencia da Milagrosa.

A adxudicación das prazas farase mediante sorteo público o 17 de xuño. As listas provisionais publicaranse o 18 de xuño e as definitivas o 26 de xuño, tras o proceso de formalización das inscricións. Mantéñense as bonificacións familiares, cun desconto do 50% para o segundo fillo ou filla e gratuidade para o terceiro membro da unidade familiar.

O concelleiro de Política Social, Maiores e Migración, Gustavo Díaz, sinalou ademais que durante os meses de verán se reforzará a oferta de actividades gratuítas ao aire libre, abertas a toda a veciñanza e sen necesidade de inscrición previa.

Estas propostas incluirán actividades físicas e de benestar como bioximnasia, pilates, ioga, ximnasia, exercicios de relaxación e respiración ou sesións de activación corporal, que se desenvolverán en espazos públicos como o Parque da Milagrosa, a Praza Viana do Castelo, Fingoi xunto ao río Miño, a Praza das Illas, o Parque Rosalía de Castro, a Praza do Centro de Convivencia de Lamas de Prado e a Praza do Castiñeiro.

O Concello destaca que esta programación busca ofrecer alternativas de lecer saudable e ampliar a oferta de actividades para a cidadanía durante o verán e tamén na primeira semana de setembro, con propostas interxeracionais.

0.12312412261963