O Concello de Lugo activa o plan de tráfico para as obras de renovación do firme na avenida Adolfo Suárez

O edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, anunciou que a Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo vén de elaborar o plan de tráfico para as obras de renovación do firme na Avenida Adolfo Suárez, unha actuación planificada pola Deputación de Lugo que se prevé que comece ao longo do mes de abril.
O proxecto inclúe a reposición do colector de saneamento ao longo da vía, a execución de pozos de rexistro e a construción dunha arqueta de grandes dimensións no cruzamento coa Rúa do Portiño, ademais da rehabilitación do firme no treito comprendido entre a rotonda con Serra de Meira e o inmoble número 112 da propia avenida.
Os traballos organizaranse en catro fases co obxectivo de minimizar o impacto no tráfico, ocupando de forma parcial un carril de circulación, prazas de estacionamento e espazos laterais, aínda que en ningún caso se prevé a interrupción total da vía. A circulación será regulada mediante pasos alternativos en ambos sentidos, sinalización específica, persoal de obra e semáforos provisionais, adaptándose ás distintas etapas da intervención.
En función das fases, produciranse cortes puntuais nos accesos e saídas da Rúa Venancio Senra e da Rúa do Portiño, ou ben establecerase un sistema de circulación alterna con regulación semafórica na propia avenida.
No que respecta aos accesos aos garaxes, manteranse operativos o maior tempo posible, sempre que as características dos traballos o permitan. Nos casos nos que non sexa viable, debido á execución de pavimentos coincidentes con entradas e saídas ou aos tempos de secado, a empresa encargada avisará con antelación mediante sinalización e carteis informativos nos accesos dos edificios afectados.