O Concello de Lugo actúa de urxencia ante o risco de desprendemento dun inmoble no barrio do Carme

O Concello de Lugo actuou de oficio e con carácter de urxencia ante o risco inminente de desprendemento dunha parte dun inmoble situado no barrio do Carme, despois de detectar hai uns días a apertura dunha greta nunha das medianeiras do edificio.
Co obxectivo de eliminar canto antes o risco de caída, os servizos municipais procederon á retirada da galería e da parte do muro afectada, eliminando así os elementos que presentaban perigo e garantindo a seguridade tanto das persoas como da contorna do inmoble.
Segundo explicou o Concello, o edificio presentaba desde hai tempo un avanzado estado de deterioro. Ante a falta de actuación por parte da propiedade, o Goberno local seguiu os procedementos e trámites legais necesarios para poder intervir e facer fronte a unha situación que supuña un risco para a seguridade.
O custo dos traballos será reclamado á propiedade, de acordo coa normativa aplicable.
Esta actuación forma parte da folla de ruta do Goberno municipal para abordar os problemas de conservación dos inmobles da cidade. Neste sentido, o Concello sinala que a súa prioridade é facilitar e favorecer a rehabilitación dos edificios sempre que sexa posible, pero tamén actuar de oficio cando exista un risco para a seguridade e a propiedade non acometa as intervencións necesarias.
O obxectivo último destas actuacións é garantir a seguridade das persoas e dos inmobles situados na contorna, especialmente naqueles casos nos que o deterioro dos edificios poida derivar nun perigo para a cidadanía.