O Concello de Lugo anuncia novas medidas na súa política de mobilidade para facilitar os desprazamentos sostibles

LugoXa
O goberno local sinala que o 61 % dos desprazamentos na cidade se realizan en vehículo privado e aposta por reforzar o transporte público, a bicicleta, os itinerarios peonís e os aparcamentos disuasorios
pintura-ruas-autobus
22 Sep 2026

O Concello de Lugo reivindica unha política de mobilidade que se desenvolva ao longo de todo o ano, con medidas destinadas a facilitar os desprazamentos de forma máis sostible e segura. Coincidindo coa celebración este martes do Día sen Coches, no marco da Semana Europea da Mobilidade, o goberno local informou das diferentes actuacións que está a impulsar e anunciou novas iniciativas para mellorar a mobilidade urbana.

O concelleiro de Mobilidade, Antonio Ameijide, sinalou que o punto de partida debe ser o diagnóstico recollido no Plan de Mobilidade Urbana Sostible elaborado por Doymo e aprobado polo anterior goberno municipal. Segundo os datos correspondentes a 2022, o 61 % dos desprazamentos realizábanse en vehículo privado, fronte ao 33 % en modos non motorizados, a pé ou en bicicleta, e o 5 % en transporte público.

Entre as actuacións previstas atópase o reforzo do transporte público, para o que o Concello está a traballar na incorporación de novas liñas de autobús demandadas pola veciñanza.

A mobilidade persoal contará tamén con novas infraestruturas. Lugo xa dispón do primeiro punto de recarga operativo para bicicletas eléctricas, patinetes e outros vehículos de mobilidade persoal na contorna do Vello Cárcere, mentres que está prevista a posta en funcionamento dun segundo punto na zona do parque do Miño. Trátase da primeira instalación municipal deste tipo na cidade e pretende facilitar o uso destes vehículos eléctricos e ofrecer novos servizos no espazo público.

No ámbito da bicicleta, o Concello defende a necesidade de seguir favorecendo o seu uso, así como o doutras formas de mobilidade persoal, pero considera necesario revisar determinados aspectos do actual deseño do carril bici implantado nos últimos anos polos anteriores gobernos do PSOE e do BNG.

Outra das liñas de actuación céntrase nos aparcamentos disuasorios. O Concello traballa no impulso de dez actuacións deste tipo, tanto no centro como nos barrios e nas zonas de actividade económica. Entre elas atópase a do Ceao, que contará con 117 prazas e que pretende dar resposta ás necesidades de estacionamento dunha importante zona empresarial e comercial. Outros aparcamentos disuasorios serán licitados proximamente.

A seguridade dos peóns é outro dos eixes da planificación municipal. O Concello ten en licitación, por un importe de 96.000 euros, unha actuación que contempla a instalación de cinco pasos de peóns elevados e un lombo de asno en distintos puntos da cidade.

As intervencións están previstas na Estrada Vella de Santiago, na avenida de Magoi, na Ronda das Mercedes, na rúa do Conde, na rúa das Fontes e na intersección da rúa Virxe da Esperanza coa rúa dos Plateiros. No caso da avenida de Magoi, a actuación responde a unha demanda da veciñanza para mellorar a seguridade na contorna da mediana.

Estas medidas súmanse a outras xa realizadas ou en marcha, como o reforzo da sinalización horizontal para mellorar a seguridade dos itinerarios peonís e a instalación de topes de aparcamento en puntos nos que existían reclamacións veciñais. Estes elementos pretenden garantir a accesibilidade e evitar que os vehículos invadan as beirarrúas.

O Concello tamén reforzará o control sobre os vehículos de mobilidade persoal. A Policía Local incorporou un novo dinamómetro que permite realizar controis selectivos e comprobar as características dos vehículos, a súa velocidade máxima e a súa potencia. O dispositivo permitirá determinar se reúnen as condicións para ser considerados vehículos de mobilidade persoal ou se deben ter outra clasificación e cumprir as correspondentes obrigas.

Entre os proxectos de maior alcance figura tamén a reordenación do tráfico e da mobilidade na contorna de Ramón Ferreiro e da Praza da Bretaña. A planificación contempla novas solucións para mellorar a circulación, os itinerarios peonís e o uso do espazo público, entre elas a transformación da actual rotonda sinalizada de Rodríguez Mourelo nunha rotonda física, a mellora de distintos cruzamentos, cambios nos sentidos de circulación e novas posibilidades de estacionamento.

O obxectivo, segundo o Concello, é abordar a mobilidade desde unha perspectiva global e actuar sobre os diferentes elementos que condicionan os desprazamentos pola cidade.

A educación viaria será outro dos ámbitos de actuación. A partir de outubro, o Concello impulsará novas actividades no Parque Infantil de Tráfico López Mella para recuperar a formación en educación viaria e permitir que os máis pequenos coñezan e practiquen hábitos seguros de mobilidade. A reactivación destas actividades estará vinculada ao traballo conxunto entre o Concello e a Xefatura Provincial de Tráfico.

0.14608001708984