O Concello de Lugo aproba novos contratos e impulsa o XXVI Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre

LugoXa
O executivo local avanza na actualización dos servizos municipais e fixa para o 12 de xullo unha nova edición do certame cultural con 5.100 euros en premios
Rolda-de-Prensa-Elena-Candia
22 Jun 2026

A Xunta de Goberno Local aprobou novos expedientes que permiten seguir avanzando na actualización e regularización de contratos vinculados ao funcionamento diario dos servizos municipais, unha das prioridades do actual Goberno local co obxectivo de mellorar a prestación dos servizos públicos.

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, valorou estes avances sinalando que “seguimos avanzando na posta ao día de contratos e servizos municipais ao tempo que impulsamos iniciativas que contribúen a dinamizar a vida cultural da cidade”.

Entre os asuntos aprobados figura a contratación do servizo de reparación, conservación, mantemento integral e subministración de consumibles da maquinaria empregada no Cemiterio Municipal, así como a renovación das licenzas e o mantemento do firewall de aplicacións web do Concello, un sistema considerado clave para a seguridade e protección dos servizos informáticos municipais.

No ámbito dos recursos humanos, tamén se aprobaron as bases específicas para o acceso en propiedade de dúas prazas de administrativo/a mediante promoción interna, correspondentes á Oferta Pública de Emprego de 2024.

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local deu luz verde ás bases do XXVI Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre Cidade de Lugo, unha cita xa consolidada dentro da programación cultural do municipio que volverá converter as rúas, prazas e espazos emblemáticos da cidade nun gran estudo artístico ao aire libre.

O certame contará cunha dotación económica total de 5.100 euros en premios, distribuídos en 1.600 euros para o primeiro premio, 1.100 para o segundo, 900 para o terceiro e cinco premios adicionais de 300 euros cada un. As inscricións realizaranse o propio día do concurso no departamento de Cultura no momento do selado dos soportes.

Esta edición de 2026 celebrarase o 12 de xullo e busca fomentar a creación artística e a participación de pintores e pintoras procedentes de distintos puntos de Galicia e do resto do Estado.

A alcaldesa destacou que esta convocatoria permite seguir apoiando o talento creativo e contribuír á proxección cultural da cidade, ao tempo que ofrece unha oportunidade para reinterpretar Lugo a través da mirada dos artistas.

EXPROPIACIÓN DE TERREOS EN SAGRADO CORAZÓN

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, anunciou tras a reunión da Xunta de Goberno que o Concello iniciará o procedemento de expropiación dos terreos propiedade de Afundación no barrio do Sagrado Corazón coa finalidade de impulsar a construción do futuro centro de saúde.

Segundo explicou a rexedora, esta vía considérase actualmente a fórmula máis rápida para poñer os terreos a disposición da Xunta e permitir así avanzar no proxecto sanitario. O proceso incluirá a aprobación do expediente nunha próxima Xunta de Goberno e, posteriormente, o pagamento inmediato do correspondente prezo de expropiación.

Candia indicou que a previsión municipal é que todo o trámite poida quedar resolto ao longo do verán, xa que o obxectivo pasa por levar a proposta a aprobación nun prazo aproximado dunha ou dúas semanas.

A alcaldesa asegurou que unha vez completado o procedemento, o Concello poderá dispoñer dos terreos e cedelos á Xunta para iniciar os traballos vinculados ao desenvolvemento do novo centro sanitario. Ademais, criticou a xestión do anterior executivo municipal, ao que acusou de manter unha falta de planificación e de criterio que, segundo afirmou, provocou a paralización desta iniciativa desde o ano 2022.

Durante o pasado ano, o anterior goberno socialista anunciara a súa intención de alcanzar un acordo coa propiedade dos terreos. Porén, esa negociación non chegou a materializarse, polo que no mes de setembro xa se avanzara a posibilidade dunha expropiación, aínda que finalmente non se executou. Candia sinalou que, aínda que existían posibilidades de chegar a un entendemento coa entidade propietaria, a expropiación converteuse agora na alternativa máis áxil.

A rexedora tamén avanzou que o deseño do proxecto se realizará tendo en conta as achegas dos veciños do barrio. Segundo explicou, xa trasladaron ao Concello a súa intención de recuperar algúns dos edificios pertencentes ao antigo colexio para destinalos a outros usos, tendo en conta que a superficie dispoñible supera as necesidades estritas do futuro centro de saúde.

Neste sentido, asegurou que o desenvolvemento da actuación buscará responder ás necesidades veciñais e incorporar tamén melloras relacionadas coa accesibilidade nalgunhas zonas residenciais do barrio.

Os informes técnicos municipais estableceron en 726.700 euros a valoración económica dos terreos para a súa expropiación. A alcaldesa recoñeceu que Afundación podería presentar reclamacións sobre esta cantidade, aínda que asegurou que esa circunstancia non afectará ao avance previsto do proxecto.

0.12681198120117